Telefónica amosa no MWC varios exemplos prácticos de uso das eSIM

Días atrás soubemos que os trámites cara a implantación da eSIM avanzan a bo ritmo, polo que seguramente este mesmo ano comecemos a ver os primeiros smartphones en integralas. As eSIM, tamén coñecidas como tarxetas SIM virtuais, eliminan a necesidade dunha SIM física, o que reduce o hardware e simplifica os trámites para os cambios de operadora.

Son moitos os actores implicados no desenvolvemento da eSIM, tanto operadores como fabricantes, e entre eles atopamos a Telefónica, quen aproveitou a súa presenza no MWC para amosar diferentes casos prácticos de uso das eSIM.

Segundo nos informaron no stand da operadora, está previsto que durante o segundo trimestre do ano se comercialice en Alemania o reloxo Samsung Gear S2, empregando este tipo de tarxetas. En efecto, son os wearables os dispositivos que máis se beneficiarán das eSIM, posto que teñen un tamaño menor.

Outro caso de uso que se puido ver no stand foi a demostración práctica de como se xestionan os datos das SIMs e como é o proceso de integrar diferentes suscricións móbiles de diferentes operadores do mundo. Cómpre sinalar que nesta liña, as eSIM facilitan ás usuarias dispór de diversas liñas móbiles, podendo activar a que precisemos cando nos atopemos en roaming.

Aínda queda moito para a implantación real e completa das eSIM, mais é bo que se vaian dando os primeiros pasos para acabar cos engorrosos trámites que supón agora unha portabilidade ou as diferentes incompatibilidades entre tamaños de tarxeta e dispositivos.

Sobre o autor

Reply