Lenovo presenta novas tablets no MWC de Barcelona

A chinesa Lenovo, dona de Motorola, comeza o ano con ganas de facerse un oco no sector das tablets, polo que durante o Mobile World Congress presentou a súa nova familia de dispositivos, as Lenovo Tab 3. Deste modo, teremos diferentes tamaños e prestacións, grazas ao cal conseguen un nivel maior de adaptación ás diferentes necesidades das usuarias.

Lenovo Tab 3 10 Business

A primeira delas está claramente orientada a un público profesional, integrando Android For Work, que nos permite separar os documentos persoais dos de traballo. En canto a especificacións, conta cunha pantalla FullHD de 10 polgadas con proteción Gorilla Glass 3, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz e 32 ou 64 GB de almacenaxe interna.

Dispón ademais de porto USB, ranura para tarxetas microSD, WiFi, LTE (opcional), GPS e NFC. No apartado multimedia, conta cuns altofalantes Dolby Atmos e cámaras de 8 e 5 megapíxeles. A autonomía é dunhas 12 horas de uso, segundo informa a propia Lenovo.

O seu prezo rondará os 199 dólares, no caso da versión e 32 GB, e os 299 dólares para a opción de 64 GB.

Lenovo Tab 3 7 e Lenovo Tab 3 8

Estes dous trebellos teñen unhas especificacións semellantes e á vez máis básicas, sendo o tamaño de pantalla a maior das difernzas. No seu interior integran sendos procesadores MediaTek, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de almacenaxe interna.

A versión máis pequena estará dispoñíbel en versión 4G – LTE por 129 dólares, mentres que no caso da Tab 3 8 existirá unha versión WiFi por 99 dólares e outra con 4G que subirá até 149 dólares.

Todas as tablets desta familia veñen con Android 6.0 Marshmallow e chegarán proximamente ao noso país, aínda que seguramente logo de térselles aplicado unha conversión dólar – euro de 1 – 1.

Deixa un Comentario