Primeiras impresións do LG G5

Viaxei a Barcelona con moitas ganas de coñecer o LG G5. Os rumores e imaxes filtradas auguraban un dispositivo feo e cunha ranura de expansión, un concepto moi aberto. A segunda parte cumpriuse dalgún modo, mais a primeira afortunadamente non, resultando ser un terminal bastante riquiño, e aínda que hai moita xente que lle está a poñer peros (a min mesmo non me convencía moito en fotos), na realidade resulta un dispositivo moi xeitoso.

As especificacións

lg g5 - 1

As especificacións actualizáronse, sendo as seguintes:

  • Pantalla de 5,3 polgadas (1440 x 2560 píxeles), Always ON
  • Procesador Snapdragon 820
  • 4 GB de RAM
  • 32 GB de memoria (+ microSD até 2 TB)
  • Dobre cámara traseira gran angular (135 graos, 16 Mpx) ou 20 Mpx.
  • Batería de 2800 mAh
  • USB Tipo C 2.0
  • NFC, lector de pegadas dixitais.

Os cambios no deseño

Os cambios no deseño do LG G5 son evidentes. Mudan os materiais, cunha aposta polos acabados metálicos, que á par tamén muda o aspecto do terminal, cunha traseira practicamente plana. O botón traseiro de acendido (e, á vez lector de pegadas dixitais) consérvase, mais non os controis de volume, que pasan a situarse no lateral dereito.

lg g2 - 2

A primeira vista temos un terminal con aspecto unibody, mais a parte inferior é extraíbel. Sacándoa podemos intercambiar a batería e enchufar algún dos módulos dispoñíbeis.

Os módulos

Malia deixar a porta aberta a novos módulos, polo de agora temos unicamente dous, que se enchufan na ranura de expansión situada na parte inferior do dispostivo.

lg g5 - 4

LG Cam Plus permite transformar o teléfono nunha cámara dixital, pero ollo, unicamente no aspecto de habilitar máis batería e botóns para o manexo, xa que a cámara será a propia do móbil. Por outro lado, o LG HiFi Plus é un módulo de son en alta definición, elaborado en colaboración con B&O.

Como unha primeira aproximación pode estar ben, mais cremos que para que o concepto siga adiante é preciso avanzar cara algo máis funcional. Ademais, debemos agardar a coñecer os prezos, e ver se realmente resultan algo útil ou van quedar no esquecemento para a meirande parte das usuarias.

Adeus ao caixón de aplicacións

Non hai demasiados cambios na interface de LG sobre a versión de Android, neste caso 6.0 Marshmallow. Porén, o cambio máis significativo vémolo no xeito en que se amosan os cartafoles e na desaparición do caixón de aplicacións, una estratexia que están a seguir moitos fabricantes.

Conclusións

O LG G5 é sen dúbida un dos trebellos máis interesantes que vimos no Mobile World Congress. A gran pregunta da feira era “Galaxy S7 ou LG G5?”, que ten difícil resposta. Son conceptos totalmente diferentes, e o LG G5 supón un avanzo moi importante nos móbiles modulares.

lg g5 - 3

Porén, malia ser un concepto interesante, entendemos que é algo que a meirande parte das usuarias non van empregar, salvo que haxa unha campaña agresiva a prol do uso dos módulos. Quedamos á espera de probalo en condicións en canto nos fagamos cunha unidade, pero certamente as primeiras impresións resultaron moi agradábeis.

O LG G5 estará dispoñíbel en catro cores (prata, titanio, dourado e rosa), aínda que polo de agora non se coñece a súa data de lanzamento ou prezo.

Sobre o autor

No Responses

Reply