CAT S60, o primeiro smartphone con cámara térmica

Durante este Mobile World Congress puidemos coñecer as novidades de CAT, un dos principais fabricantes especializados en móbiles resistentes. Na feira que tivo lugar en Barcelona anunciaron o CAT S60, o dispositivo que supón o maior salto de calidade da marca en toda a súa historia, tanto polo seu deseño como por especificacións.

cat s60 - 1

Segundo nos comentou un dos seus portavoces, até o de agora os teléfonos da compañía tiñan prestacións de gama media – baixa, xa que entendían que se trata de teléfonos pensados como segundo terminal. Porén, as usuarias pedían mellores prestacións, para poder usar como móbil principal, e desa escoita activa xurdiu o novo S60.

cat s60 - 3

O trebello integra unha pantalla HD de 4,7 polgadas (720p), con alto brillo para poder traballar con el sen problemas en condicións de moita luz, onde terá o seu hábitat natural. Ademais, pode usarse coas mans molladas e con luvas.

Internamente, integra un procesador Qualcomm Snapdragon 617, de oito núcleos a 1,5 GHZ e LTE Cat 7, acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna. A batería é de 3800 mAh es cámaras de 13 e 5 megapíxeles.

cat s60 - 2

Cabe destacar a presenza dunha cámara térmica que nos permite medir en tempo real e capturar en foto ou vídeo as temperaturas do entorno, así como ver a través do fume, polo que pode ser unha boa opción para as equipas de emerxencia.

cat s60 - 4

O S60 cumpre ademais os requisitos mais exixentes de resistencia, sendo quen de aguantar somerxido até 5 metros e seguir a funcionar sen problemas, ou aguantar caídas sobre hormigón de preto de 2 metros sen que se danen as súas compoñentes.

Está previsto que se poña á venda por 649 €.

Deixa un Comentario