Huawei inicia o despregamento comercial do 4.5G e concreta os pasos para pasar ao 5G

Durante o Mobile World Congress a compañía Huawei presentou GigaRadio, unha solución de estacións base (antenas) que facilitará o despregamento de 60 redes comerciais de 4.5G durante o 2016.

O 4.5G non é un novo estándar en si, como o 5G, senón unha versión vitaminada do 4G grazas ao uso de métodos de agregación de sinal, o que permite dar soporte a grandes anchos de banda e reducir as latencias. Isto é necesario para establecer as bases para o que será o 5G, sobre todo tendo en conta que se prevé que 4G e 5G coexistan durante un longo período de tempo.

GigaRadio é unha solución de estación base de tamaño reducido que ademais conta cunha instalación máis sinxela cun maior rendemento. Conta cun 50% maís de capacidade de procesamento ao tempo que é un 20% máis pequena. Isto permitirá que as operadoras poidan despregar redes cun ratio máximo de 1 Gbps, proporcionando unha experiencia de usuario superior, tanto en voz como en vídeo de alta definición.

Por outro lado Huawei tamén presentou un libro branco sobre Small Cells no que explica a posición que ocupa a compañía no desenvolvemento desta tecnoloxía. Segundo as súas previsións, no 2020 haberá 6700 millóns de usuarias con banda larga móbil a nível mundial, e se agarda que a Internet das Cousas (IoT) xere arredor de 1000 millóns de conexións, o que unido á voLTE, o vídeo 4K, a realidade virtual e outros dipositivos conectados podería facer que se superen os 5 GB de tráfico móbil por usuaria e día.

Co fin de satisfacer as necesidades de desenvolvemento da banda larga móbil, as Small Cells adoptarán as seguintes tendencias:

  1. Despregaranse máis preto das usuarias, ofrecendo máis servizos de valor engadido, a creación de novos modelos de negocio e o desenvolvemento dun novo ecosistema industrial.
  2. Un cambio nas solucións dixitais facilitará a transformación dos sistemas de cobertura en interiores para dar cabida a servizos de voz e vídeo en alta definición, xa que o 80% do tráfico prodúcese en interiores.
  3. As Small Cells acadarán unha maior integración grazas ao despregamento multimodo e multibanda.
  4. A licenza de acceso asistida (LAA) e a agregación WiFi de LTE permiten o despregamento dun espectro, con e sen licenza, para maximizar a eficiencia espectral e mellorar a experiencia de usuaria.
  5. Os controladores de rede Small Cells construiranse nunha nova arquitectura e permitirán que un gran número de Small Cells complementen as redes existentes, cun custe de propiedade reducido para proporcionar servizos de cable.

Deixa un Comentario