Moverio BT-300, así son as ‘Google Glass’ de Epson

Desde que coñecemos as Google Glass foron moitas as empresas que desenvolveron as súas smartglasses, entre elas Epson. Tras unha evolución que reduciu notabelmente o tamaño do trebello respecto aos primeiros prototipos, ao tempo que se aumentaron as capacidades e funcións do dispositivo, a finais de ano poranse á venda os lentes Moverio BT-300.

As Moverio son a terceira xeración dos lentes de Epson, e contan cunha pantalla dixital de silicio OLED (diodo orgánico emisor de luz), unha tecnoloxía desenvolta pola propia Epson que lle permite converterse nun dos modelos de smartglass máis lixeiros do mercado.

Funcionan grazas a un procesador Intel Atom de catro núcleos e o sistema operativo Android, na súa versión 5.1. Dispón de cámara frontal HD de 5 megapíxeles, un elemento imprescindíbel para poñer en funcionamento as súas capacidades de realidade aumentada. A súa autonomía é dunhas 6 horas.

As demos que puidemos probar no MWC facían especial fincapé nas súas posibilidades para co deporte, así como na capacidade, por exemplo, de pilotar drones, grazas a unha aplicación que amosa a cámara do drone sobre a imaxe real que temos enfronte.

Segundo nos confirmaron, as Epson Moverio BT-300 estarán dispoñíbeis no mes de outubro por 800 euros.

 

Deixa un Comentario