Primeiras impresións do Samsung Galaxy S7 Edge e un vistazo aos seus accesorios

Non cabe dúbida que se houbo un terminal que acaparou todas as miradas durante o MWC ese foi o Samsung Galaxy S7 Edge. O trebello, en apariencia, non incorpora grandes cambios sobre o modelo anterior, aínda que é nos detalles onde Samsung conseguiu que o Galaxy S7, e en especial o Galaxy S7 Edge, sexa un terminal que a día de hoxe non ten rivais.

O ano pasado comentamos que o fabricante surcoreano soubo escoitar ás clientas, que pedían un dispositivo premium con acabados acordes. Desta vez pedíronlle recuperar a tarxeta microSD, a resistencia á auga e unha mellor batería, desexos que novamente foron cumpridos.

samsung galaxy s7 edge - 1

Pero ademais do que lle pedían Samsung tamén apostou por detalles que melloran a experiencia de usuaria. Falamos, por exemplo, da pantalla always on, que non só evita que teñamos que andar acendéndoa ao completo para ver a hora ou as notificacións, senón que tamén se encarga de amosarnos o calendario e outras cousas que podemos configurar.

samsung galaxy s7 edge - 3

A cámara tamén evoluciona, a pesar de perder megapíxeles. Mellora en todos os aspectos, pero especialmente ao sacar fotos en condicións de mala iluminación. Certamente, as imaxes tomadas co Galaxy S7 resultan moito máis nítidas, e parece que isto é algo que Samsung quere resaltar na publicidade para diferenciarse do resto de fabricantes.

Máis Edge ca nunca

Pero se hai algo que evoluciona é a pantalla Edge, que gaña novas funcionalidades, aínda que ben é certo que isto tamén chega(rá) aos S6 coa actualización a Android 6.0 Marshmallow.

accesorios galaxy s7 - 4

Ademais de dispoñer de novas ferramentas, o Edge faise máis amplo, o que mellora a capacidade á hora de poder ter aplicacións máis funcionais, como un lector de novas de Yahoo ou unha regra, entre outras moitas.

samsung galaxy s7 edge - 5

Así mesmo, introduce unha segunda liña de aplicacións, moi útil para cando manexamos o teléfono cunha soa man. Podemos ver máis sobre isto neste outro artigo.

Accesorios para unha experiencia máis completa

Como adoita acontecer cos dispositivos desta gama, os Galaxy S7 veñen acompañados dunha completa gama de accesorios, como fundas de todo tipo e deseños, entre as que destacan as que teñen dots polas funcionalides extras que achegan.

accesorios galaxy s7 - 2

Así mesmo, e para mellorar as posibilidades da cámara, podemos adquirir lentes que complementan as súas capacidades, concretamente unha de gran zoom e outra tipo ollo de peixe. Ambas as dúas encáixanse con rosca a unha funda especialmente deseñada para elas.

accesorios galaxy s7 - 1

Finalmente sorprendeunos atopar unha pequena gama de pulseiras a modo de wearables, mais con funcóns limitadas a avisos por LED e vibración das notificacións do móbil, e que están máis preto da xoiería ca da gama Gear.

accesorios galaxy s7 - 3

Os novos Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge estarán á venda o 11 de marzo, mais facendo a precompra até o día 10 levaremos de regalo os lentes de realidade aumentada Gear VR, valorados en 199 €.

No Responses

Deixa un Comentario