Xa se poden reservar as HTC Vive por 899 euros

Ademais dos novos Desire que vimos esta mañá, HTC anunciou durante o Mobile World Congress o lanzamento comercial de HTC Vive, os seus lentes de realidade virtual, que desde hoxe podemos reservar por 899 euros, aínda que non se comercializará até o 5 de abril.

A versión final da edición Vive chega case un ano despois do modelo que puidemos ver, precisamente, durante a anterior edición do MWC. Compleméntase con Vive Phone Services, un servizo que nos permite estar no mundo virtual en contacto co real. Deste modo, sen saír do primeiro podemos recibir e contestar chamadas ou comprobar eventos no calendario, entre outras opcións.

Dispón de controladores sen fíos e cámara frontal, e unha cinta para a cabeza mellorada que ofrece maior estabilidade e equilibiro, así como un sistema de pantalla máis brillante para unha experiencia de inmersión máis profunda.

Desde o seu lanzamento hai dispoñíbeis máis de 40 experiencias virtuais, aínda que comercialmente virán dúas:

  • Job Simulator: the 2050 archives: nun mundo no que os robots desenvolven todos os traballos realizados por humanos permítenos aprender o que antes era “traballar”.
  • Fantastic Contraption: poderemos construír unha máquina do tamaño dun cabalo para logo manexala polo mundo adiante.

As novas HTC Vive funcionan, a diferenza doutras opcións, enganchadas a un ordenador, e no pack de venda inclúese un casco, dous mandos e sensores cos que podemos delimitar o espazo considerado seguro.

Pódense reservar nesta ligazón.

Deixa un Comentario