Con Google Drive xa dispomos de máis comandos para editar documentos coa voz

A versión web de Google Drive permite desde hai tempo crear ou editar documentos coa voz, mais agora tamén podemos elixir o formato do texto e mesmo escribir emojis. Esta última característica entendemos que non é o máis urxente, pero sinala o nível de detalle polo que apostou a xente de Google.

Pola cantidade de comandos que debemos memorizar para empregar esta nova ferramenta e sacarlle todo o partido, Google vén de publicar na súa web de soporte a listaxe de comandos completa a modo de guía, para ir aprendendo nos primeiros usos: inserta tabla, ir ao final de tabla/fila,…

Para activar o recoñecemento de voz tedes que ir á pestana de ferramentas e premer activar escritura por voz. Polo de agora, despois de probar certos comandos, podemos afirmar que aínda queda traballo por facer, pois ás veces non van moi aló.

Traballos como os que fai Google e outras empresas nesta dirección, fan tanto que se mellore a produtividade coma que se normalicen este novo tipo de interaccións cos PC’s e outros gadgets. Estes novos usos tamén favorecen ás persoas con algún tipo de minusvalía que pouco a pouco poden ir atopando software cada vez máis completo e que funciona mellor adaptado ás súas necesidades.

Se queredes probar por vós mesmas como funciona, tedes que ir á versión web de Google Drive nun navegador Chrome.

Grazas a @ultraroncero por poñernos na pista desta nova.

Deixa un Comentario