Google empeza a probar Hands Free, un sistema de pagos “mans libres”

Os métodos de pago están a cambiar, e no noso país xa son milleiros os comercios e entidades que admiten os pagamentos móbiles por NFC, grazas ao desenvolvemento das aplicacións dos bancos, como o BBVA, ou de operadoras, como Vodafone Wallet.

Google leva tempo traballando con Android Pay, aínda non dispoñíbel no noso país (pero que previsibelmente chegará proximamente), e en evolucións que mesmo van un paso máis aló, como Hands Free, cuxo funcionamento enténdese moito mellor co seguinte vídeo.

https://youtu.be/Qxet1VdpOQ4

Hands Free aspira a que non teñamos sequera que sacar o móbil do peto ou do bolso para pagar, e xa non digamos buscar moedas ou a tarxeta na carteira. Con esta nova aplicación, que vén de comezar as súas probas en San Francisco, non importará ter as mans ocupadas para pagar rapidamente.

O funcionamento é bastante sinxelo. Hands Free emprega Bluetooth, WiFi e outros servizos de localización para detectar se estamos nunha tenda que ten habilitado este sistema de pago. Á hora de proceder á compra simplemente hai que dicirlle á caixeira que desexamos pagar con Google (“I’ll pay with Google“); esta persoa confirmará a identidade, usando as iniciais e a foto que engadimos ao perfil.

Nalgunhas tendas tamén está en marcha un proxecto piloto máis novidoso (aínda que en fase prematura), que usa cámaras para detectar automaticamente á persoa.

As utilidades de Google Hands Free son moitas, mais na nosa opinión tamén hai moito que mellorar no sistema antes de que sexa unha alternativa real, dado que se nos ocorren moitos problemas no aspecto da seguridade que se deben pulir, e que estamos certos Google xa está a considerar. Como vedes o futuro?

Sobre o autor

Reply