Analizamos a Pixel C

100% fabricada e deseñada por Google”. Ese é o reclamo co que se vende a Pixel C, a primeira tablet integramente deseñada e fabricada por Google, sen encargos de por medio a terceiros fabricantes, como ocorreu até o de agora cos dispositivos Nexus. Está concebida ademais como unha alternativa para o traballo e á produtividade, polo que se vende acompañada dun teclado (hai que mercalo á parte) que á completa. Está a Pixel C á altura dos obxectivos que marca? A continuación podedes ler as nosas impresións.

Deseño, acabado e conexións

A Pixel C conta cun coidado deseño e acabados en aluminio, un dos materiais que, xunto ao cristal, axudan a dar esa sensación premium que ultimamente estamos a exixir as usuarias, e que certamente dan ao produto unha calidade superior.

pixel c - 1

Ben é certo que resulta un tanto pesada para o seu tamaño cos seus 517 gramos (aos que hai que sumar os 399 do teclado), mais o feito de estar pensada para empregarse maioritariamente xunto co teclado fai que inconscientemente a vexamos máis coma un miniPC lixeiro ca coma unha tablet, o que fai que “se alixeire”, cando menos psicoloxicamente.

Falando de botóns e conectores, no lateral esquerdo sitúanse os botóns de control de volume, ao lado dos altofalantes e o conector USB Tipo C, que nos serve tanto para cargar o trebello como para transferir datos. Na parte superior está o botón de acendido, e xa no lateral dereito o jack 3.5 de audio e outros altofalantes. Como era de agardar, na parte traseira temos a cámara principal e un LED liñal coas catro cores de Google, activo mentres traballamos con ela e como indicadores de batería.

pixel c - nevera

O teclado ten unha parte magnética e fíxase con facilidade á tablet, establecendo a conexión Bluetooth sen termos que facer configuracións previas. Permite moitos axustes angulares, mais para traballo o preferíbel é 100-135 graos. Ten unha pequena batería interna, que se carga por inducción desde a propia tablet. Así mesmo, adáptase de múltiples formas á tablet, sendo un dos usos alternativos máis socorridos o de “tapa” para protexer a pantalla durante o transporte.

Hardware e rendemento

Google non sempre emprega o último en compoñentes nos seus produtos, para mostra os Nexus. Porén, nesta Pixel C si que existe ese interese en ter unha listaxe de especificacións actual. Entre os aspectos máis destacados están os seguintes:

  • Pantalla de 10,2 polgadas(2560 x 1800 píxeles)
  • Procesador Tegra X1
  • 3 GB de memoria RAM
  • 32 ou 64 GB de memoria interna, non ampliábeis
  • Cámaras de 8 e 2 Mpx
  • USB Tipo C
  • Batería de 9000 mAh

Especificacións á parte, a experiencia foi moi positiva. Estamos ante un dispositivo cun rendemento magnífico, que acende rápido e é capaz de xestionar a multitarefa sen lags e malas experiencias. Neste sentido, atopámonos ante un dos trebellos que mellor funcionan de todos os que temos probado.

Sistema operativo

A Pixel C vén con Android 6.0 Marshmallow e todas as actualizacións de seguridade que foi enviando Google. Neste senso, estamos ante un dos primeiros dispositivos en actualizar e temos a garantía de que, durante o período de vixencia, seguirá a recibir as últimas versións de Android.

Leva Android puro, sen ferramentas específicas ou funcionalidades que nos permitan sacarlle partido ás súas características como elemento de traballo. Android non é a mellor ferramenta para traballar en “modo portátil”, e malia que este dispositivo quere recurtar as distancias, neste punto está algo inmaduro, e non polo hardware precisamente.

Pantalla

A pantalla é un panel LCD de 10,2 polgadas, cunha resolución 2500 x 1800 píxeles (isto é, 308 ppp), e un brillo de 500 nits. Estivemos traballando con ela tanto en ambientes interiores como exteriores e certamente a experiencia foi moi positiva, sendo capaces de ler perfectamente, malia ter incidencia mais ou menos directa do sol.

O contraste é de 1500:1, e o ratio 1/√2. Ademais, etá fabricada coa tecnoloxía Low Temperature PolySilicon, unha técnica que reduce o consumo de enerxía, sen que isto supoña a redución da calidade.

Cámara e multimedia

Dispón de cámara traseira de 8 megapíxeles e unha frontal, especialmente pensada para videochamadas, de 2 megapíxeles. En ambos os casos, trátase de compoñentes que non destacan especialmente pola súa calidade, aínda que tampouco pola necesidade.

No apartado de son, dispón de altofalantes estéreo, que como vimos antes están situados a ambos lados do trebello. Soan realmente ben, resultando unha expereiencia de calidade e sen as distorsión que temos ás veces nalgún trebello ao subir o volume. Ademais dispón de catro micrófonos, colocados na parte superior, que nos servirán para as interaccións mediante voz ou para as chamadas con audio.

Batería

A batería é de 9000 mAh, cos que prometen unha autonomía de 10 horas. Podemos confirmar que esto cúmprese, xa que nas cargas completas que fixemos acadamos cifras semellantes. Para nós isto foi un luxo, pois resultou ser un dispositivo confiábel para as necesidades de traballo e mobilidade. Como comentamos no apartado de deseño, ademais do típico símbolo de batería en pantalla, a liña LED da parte traseira dános conta da batería que nos queda, a grosso modo.

Como contrapunto, non dispón de sistema de carga rápida, o que nos obriga a tela cargando unhas dúas horas para acador o 100% desde a descarga completa.

Conclusións

A Pixel C é unha das mellores tablets Android dispoñíbeis no mercado, tanto por especificacións técnicas e deseño como polo seu rendemento e comportamento xeral. O seu punto negativo? O que falamos no apartado de software: o sistema Android, basado en apps, é marabilloso para un smartphone ou unha tablet consumidora de contidos, mais cando queremos que sexa unha a ferramenta de traballo básica precisamos ir un paso máis aló: a Android fáltalle ese punto de maduración nas tablets.

pixel c - 3

Por outra banda, temos que falar do teclado. Malia venderse por separado, trátase dunha ferramenta imprescindíbel para que a Pixel C teña sentido. Para nós é unha das mellores solucións que vimos neste tipo de accesorios, sendo moi cómodo e tendo a vantaxe de soster a tablet por si mesmo, a diferenza por exemplo das Surface de Microsoft. Ademais, a ausencia de conectores (nin para a parga) e a simplicidade de conexión son outros puntos ao seu favor.

Podemos mercar a Pixel C por 499 € (modelo 32 GB) ou 599 € (modelo 64 GB), aos que hai que sumar os 169 € adicionais polo teclado. Pódese adquirir na Google Store.

Sobre o autor

No Responses

Reply