Project Fi elimina os convites, pero non sae dos EUA

Dez meses despois do seu lanzamento, Google vén de abrir o seu operador móbil Project Fi a todas as usuarias que o queiran contratar, eliminando a necesidade de convite. Porén, polo de agora é un proxecto que fica restrinxido aos Estados Unidos, e segue precisando dun dispositivo Nexus como trebello principal.

A operadora de Google ten tres funcións que fan que sexa unha compañía diferente ao que estamos acostumados, se ben é certo que existen operadoras que comercializan produtos semellantes, aínda que non todos a un tempo.

O primeiro aspecto diferencial é o tarifario: Project Fi cobra un paquete básico (Fi Basics) que ten un custe de 20 dólares/mes, nos que se inclúen todas as chamadas de voz e sms, nacionais e internacionais. No caso dos datos, cóbrase unicamente o volume consumido, a razón de 1 céntavo de dólar por MB. Ademais, non importa onde se use a tarifa, xa que o roaming esté incluído en máis de 120 países, se ben é certo que en itinerancia a velocidade dos datos baixan aos 256 Mbps.

A segunda gran diferenza é a introdución do concepto de multidispositivo, grazas ao que poderíamos chamar “número na nube”. Deste modo, tendo unha única conta de Fi (número), podemos usala en todos os nosos trebellos, de maneira que aumenta a nosa produtividade e facilita o cambio de dispositivo.

Xa para rematar, a última gran diferenza de Fi fronte outras alternativas é a cobertura: Fi emprega dúas redes móbiles (Sprint e T-Mobile) así como máis dun millón de puntos WiFi verificados, de tal xeito que as usuarias sempre acceden a través da rede que mellor cobertura teña nun determinado momento. Ademais, permite comezar unha chamada sobre WiFi e rematala a través da rede móbil 4G… e viceversa.

Coa eliminación da necesidade de convites para usala, a única condición para poder ser clienta de Project Fi é ter un trebello Nexus (valen os Nexus 6, Nexus 5X e Nexus 6P). Ah! E vivir nos Estados Unidos 😉 Pódese contratar desde esta ligazón.

No Responses

Deixa un Comentario