Novas imaxes do HTC One M10

Segundo as últimas filtracións aínda teremos que agardar até o 19 de abril para coñecer o novo HTC One M10 ou, mellor dito, para a súa posta de longo, xa que pouco a pouco van aparecendo novos datos e novas imaxes que o descubren en todo o seu esplendor. Se hai apenas uns días falamos do primeiro teaser e a primeira imaxe, agora xa temos capturas de prensa, que o dan a coñecer por todas as súas aristas, amosando todos os detalles do seu deseño e acabados.

htc one m10

O novo dispositivo de HTC contará cun deseño que, de fronte, nos lembra bastante ao actual HTC One A9 que analizamos semanas atrás. Porén, o M10 ten as curvas traseiras máis acentuadas, así como lixeiros cambios na situación de compoñentes como a cámara (e o seu flash), máis centrados desta vez, ou os altofalantes da parte inferior.

Polo demais, vanse confirmando varias das súas especificacións técnicas, entre as que destaca a pantalla de 5,15 polgadas con resolución QHD (1440 p) e o novo procesador de Qualcomm que están a integrar moitos dos buques insignia deste ano, o Qualcomm Snapdragon 820, cunha GPU Adreno 530.

Disporá de 4 GB de memoria RAM e unha capacidade de almacenaxe interna aínda por determinar; seguramente nunha única versión de 32 ou 64 GB ampliábeis mediante tarxetas microSD. No apartado fotográfico semella que a súa cámara disporá dun sensor principal de 12 megapíxeles (igual ca o Galaxy S7), aínda que se descoñece a súa apertura, factor determinante da calidade que poidan ter as imaxes.

HTC segue a xogarse neste 2016 a súa propia supervivencia. Que funcione ben este novo HTC One M10 e ser a compañía que fabrique (se todos os rumores nesa liña acaban sendo certos) un dos novos Nexus de Google é fundamental para o seu futuro. Serán quen de reverter a situación? Nós cremos que merecer o merecen.

Sobre o autor

Reply