Android N: Google lanza a preview da nova versión de Android

Android N xa é oficial. Contra todo prognóstico, Google anunciou esta tarde o lanzamento da preview de Android N (Android N Developer Preview), que xa se pode descargar xunto ás APIs e outras ferramentas necesarias para que as desenvolvedoras de aplicacións poidan adaptar as súas apps á nova versión, que se lanzará no verán.

Android N chega con diversas novidades, algunhas das cales xa estaban asumidas por diferentes fabricantes en forma de prestacións adicionais que estes introducen nas súas respectivas capas de personalización, e que Android precisaba incluír de seu. A continuación facemos un repaso polas novas funcionalidades máis destacadas:

Multiventá e PIP

Desde o momento en que temos teléfonos grandes a idea de poder visualizar dúas aplicacións ao mesmo tempo é algo fundamental. Esta característica xa a inclúen moitos fabricantes, sobre todos asqueles que teñen entre os seus dispositivos teléfonos con pantallas de máis de 5,5 polgadas, como pode ser o caso de Samsung.

android n - multiventa

Android N permítenos ter abertas dúas aplicacións, situadas unha a carón da outra, ou ben unha sobre a outra, sendo quen ademais de mover a liña divisoria para aumentar ou reducir o tamaño de calquera delas. Imaxinades canto xogo da isto, por exemplo, nas tablets?

android n - multiventa 2

No caso do Nexus Player e o resto de trebellos Android TV, a multiventá é o que tradicionalmente coñecemos como PIP (Picture in Picture). A imaxe superposta pode ser outra canle, un vídeo ou unha aplicación.

Notificacións

O panel de notificacións é unha das características diferenciais de Android desde o seu lanzamento. A nova versión inclúe diversas novidades relacionadas con este panel, as máis destacadas estas dúas:

android n - notificacions

  • Agrupamento de notificacións: Android N agrupa dos as notificacións da mesma aplicación nunha única notificación, o que reduce o espazo que pode copar, por exemplo, a ducia de conversas en WhatsApp.
  • Respostas desde o panel de notificacións: Esta funcionalidade xa está implementada en moitas aplicacións, como é o casos de Hangouts. Permítenos responder a mensaxes sen ter que abrir a aplicación, directamente desde a barra de notificacións.

Eficiencia enerxética

Unha mellora que se repite en cada nova versión é a da eficiencia, reducindo o consumo de batería. O sistema Doze que descubrimos nos actuais Nexus (e que aforra batería ao estar os trebellos en repouso sobre unha mesa) mellora e funcionará sempre e cando teñamos a pantalla apagada.

Tamén se reduce notabelmente o consumo de memoria RAM, algo no que Google está a poñer moito empeño e que levou a que, por exemplo, puideran lanzarse trebellos comos os Android One, que non precisan moitos recursos para funcionar ben.

Outras novidades

Ademais destas novidades máis destacadas tamén chegan outras menores, que non por iso menos importantes: novo sistema para aforrar datos móbiles, soporte de varios idiomas simultaneamente, soporte da API ICU4J, boot directo, bloqueo de números, Open GL ES 3.2 API, melloras en Android For Work e de accesibilidade, bloqueo numérico…

Dispoñibilidade e enlace de descarga

Android N Developer Preview xa está dispoñíbel para os Nexus 6, Nexus 5X, Nexus 6P, Nexus Player, Nexus 9 e Pixel C. Pódese descargar desde esta ligazón para instalar manualmente. As persoas que instalen esta versión inicial irán recibindo o resto de actualizacións da preview a través de OTA, como unha actualización normal.

Segundo o calendario dado a coñecer por Google haberá unha actualización cada mes até xullo, e o lanzamento da versión final chegará durante o terceiro trimestre do ano, é dicir, no verán, o que indirectamente adiantará o presentación dos novos Nexus.

Será Android 7.0? Que postre representará?

Pasando a falar do aspecto máis lúdico queda pensar a qué versión corresponderá Android N. Por unha banda o número: será un 6.X ou directamente unha actualización maior, a 7.0? Moitos rumores apuntan a isto último.

Non menos importante é a decisión do nome. Como sabedes, cada nova versión de Android aumenta unha letra no dicionario, neste caso o N, que leva asociado un postre: Apple Pie, Banana Bread, Cupcake, Donut, Eclair, Froyo, Gingerbread, Honeycomb, Ice Cream Sandwich, Jelly Bean, KitKat, Lollipop, Marshmallow… a que corresponderá o N? Nutella quizais?

Fondo de pantalla

Se queredes descargar un dos fondos de pantalla de Android N para poñerllo ao voso Android e lucir como tal, podedes obtelo nesta ligazón.

android n - fondo

Deixa un Comentario