Entrevistamos a Luis de la Peña, Director de Marketing de IM de Samsung España

Samsung acaparou todas as miradas durante o Mobile World Congress. A feira mundial do móbil celebrada en Barcelona a finais de febreiro foi o escenario escollido polo fabricante coreano para dar a coñecer os novos Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge, as grandes apostas de Samsung para este 2016.

Aproveitando un encontro celebrado onte na Coruña falamos con Luis de la Peña, Director de Marketing de IM de Samsung España, quen nos estivo contando algúns detalles sobre os novos dispositivos e o ecosistema que os arrodea.

Cales son os puntos fortes dos novos Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge?

Eu destacaría en primeiro lugar a súa cámara, xa que é a primeira vez que un smartphone incorpora unha tecnoloxía propia das cámaras réflex, o chamado “dual píxel”, que xunto coa apertura focal de 1.7 permítenos sacar fotos máis brillantes e nítidas en contornas con pouca luminosidade.

Por outro lado tamén incorporamos o estándar de resistencia á auga e pó IP68, a posibilidade de aumentar a memoria cunha tarxeta microSD de até 200 GB e melloramos a batería, tanto en capacidade como no sistema de carga rápida.

Falemos de deseño: apostades por continuar coa liña dos S6, aínda que con dous tamaños diferentes de partida para a versión estándar e Edge

O certo é que si que melloramos aspectos de deseño, facendo que os novos Galaxy S7 sexan moito máis agradábeis ao tacto. Sobre os tamaños, sacamos estas dúas versións porque foron as que o público nos reclamou, aínda que como se pode comprobar non son dispositivos que resultan grandes na man, ao contrario.

Semella que este ano hai unha clara aposta de Samsung pola realidade virtual coas Gear VR. Despegará a realidade virtual neste 2016?

A día de hoxe existen máis de 140.000 vídeos de realidade virtual e xa hai máis de 170 aplicacións para as Gear VR, polo que xa non é algo tan pequeno. Ademais, Samsung creou un ecosistema no que xa non só é posíbel visualizar contidos en 360 graos, senón que tamén os pode xerar cadaquén. A Gear 360 que anunciamos xuntos os novos Galaxy S7 permite ás usuarias gravar vídeos en 360 graos, e cremos que isto pode ser de moita utilidade, tanto en entornos familiares como profesionais.

Tamén hai unha clara aposta polos pagos móbiles…

Si, nas próximas semanas lanzaremos o noso sistema de pagos móbiles, Samsung Pay, que estará dispoñíbel nos novos Galaxy S7 e Galaxy S7, ademais de en toda a familia S6 e o Galaxy A5 (2016). Samsung Pay permítenos efectuar os pagos dunha forma sinxela, segura e rápida. En Galiza de feito colaboramos con Abanca no lanzamento deste novo servizo.

Os novos Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge póñense á venda este venres por 719 e 819 €, respectivamente, aínda que xa están dispoñíbeis en prevenda. A Gear 360 chegará no mes de abril.

Deixa un Comentario