Google Destinations, o planificador de viaxes de Google

Google tense convertido no aliado perfecto á hora de planificar viaxes: empregamos o buscador para atopar información, ollamos o estado das reservas e outras utilidades en Now, miramos prezos de voos en Flights, orientámonos con Maps… Agora a compañía de Mountain View quere ir un paso máis aló e converterse tamén no noso planificador de viaxes con Google Destinations, o seu último lanzamento.

Destinations nace para axudar á planificación global da viaxe, e para que se active só hai que engadir unha palabra como “destinos” ou “vacacións” ao lugar ou país que queiramos visitar. Así, por exemplo, se pomos “destinos Reino Unido” apareceranos unha selección de plans de viaxe a diferentes lugares de UK.

google destinations - 8

Nese momento xa podemos facer axustes no presuposto, nas datas (cando queremos ir, cando volver…), o tipo de hotel que desexamos… e ver os resultados nunha comparativa gráfica, na que ademais se amosa como varia o prezo da viaxe global durante os seis meses seguintes á busca.

Para explicar mellor as opcións dispoñíbeis, Google elaborou unha serie de gifs que nos permiten entender como funciona o servizo dunha maneira máis visual.

google destinations - 1

google destinations - 2

google destinations - 3

google destinations - 4

google destinations - 5

google destinations - 6

Google Destinations elimina a dependencia de planificadores de viaxe externos. Por unha banda, é certo, facilítanse as tarefas ás usuarias, que xa non teñen que saír de Google para planificar toda a viaxe, desde que se ten a intención de viaxar até que se reserva todo o paquete con eles. Agora ben, isto tamén implica empregar unha única empresa para todo, algo que ao noso ver é unha competencia desleal a portais como Booking ou os centos de axencias de viaxe online que hai na Internet ao noso dispór.

Estivemos facendo probas e, polo de agora, só funciona desde o móbil, aínda que imaxinamos que será cuestión de tempo que tamén teñamos habilitado Destinations no escritorio.

Deixa un Comentario