O Huawei P9 presentarase o 6 de abril en Londres

Moitas persoas agardaban que Huawei dese a coñecer o Huawei P9 durante o Mobile World Congress (MWC) de Barcelona. Nada máis lonxe da realidade. O fabricante chinés preferiu gardar as súas cartas e dar a anunciar o seu novo buque insignia nun evento en solitario, conscientes de que teñen detrás de si unha traxectoria de exitosos trebellos que os fai medrar como a escuma en Europa, o que garante que na data escollida terán todos os fotos de atención sobre eles.

huawei p9 save the date

A compañía enviou un “save the date” que nos cita en Londres o vindeiro 6 de abril para un evento que “cambiará a forma na que vemos o mundo”. Non se trata dunha frase escollida ao chou, senón de toda unha declaración de intencións, xa que o novo dispositivo aposta por un sistema de cámara dual, logo de que Huawei tivera asinado un acordo de colaboración con Leica para revolucionar a fotografía móbil.

Tal e como comentamos hai uns días, prevese que sexan anunciadas até catro versións do Huawei P9, tendo a versión estándar unha pantalla de tamaño medio (5,3 polgadas) e unha batería de 2900 mAh. Integraría tamén un procesador de fabricación propia, o Kirin 950 (o mesmo que leva o Huawei Mate 8), e 4 GB de memoria RAM. Fálase tamén dunha memoria interna de 16 ou 32 GB, que en calquera caso sería ampliábel a través de tarxetas microSD.

huawei p9 filtrado

En canto a deseño e acabados, as imaxes de prensa filtradas amosan unha clara aposta polo uso do metal e un estilo premium, corpo unibody (que se está a converter nun estándar de todo canto móbil aspira a seducir ao público máis exixente) e un sensor de pegadas dixitais situado na parte traseira do trebello.

Temos por diante algo menos dun mes de espera, tempo no que, estamos certos, chegarán novas imaxes e informacións das que iremos dando boa conta no blog. Que vos parece a vós o novo trebello?

Deixa un Comentario