Analizamos o Samsung Gear S2

Houbo un tempo, anos atrás, no que Samsung parecía botar tiros ao aire e ver que pasaba. Tempos nos que ofrecían ducias de alternativas para que as usuarias puideran escoller a que máis lles gustaba ou o que mellor funcionaba nun mercado ou noutro. Eses tempos pasaron á historia, e a compañía foi quen de refinar os seus produtos para acabar ofrecendo uns dispositivos máis redondos, metaforicamente falando.

Non cabe dúbida de que os novos Galaxy S7 son unha boa mostra diso, da aplicación do aprendido e dun proceso de refinado dos seus smartphones. Mais hoxe toca falar de wearables, concretamente do Gear S2, o último smartwarch da compañía. É o sétimo reloxo de Samsung, o primeiro circular, e tamén o que nos pareceu mellor deseñado e pensado. Vexámolo a fondo.

Características técnicas

Antes de afondar na análise do trebello, cómpre lembrar as súas especificacións técnicas, onde non atopamos nada fóra do habitual neste tipo de dispositivos: vén cunha pantalla circular de 1,2 polgadas, procesador Exynos 3250 a 1 GHz (Qualcomm Snapdragon 400 no caso da variante 3G), 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, non ampliábeis.

Dispón dunha rea de sensores, os máis destacados son o acelerómetro, xiroscopio, sensor de ritmo cardíaco e barómetro; no apartado de conectividade ten Bluetooth 4.1, NFC e WiFi 802.11n, e a batería é de 250 mAh. No caso da versión 3G engádese GPS, soporte para eSIM e unha batería de 300 mAh.

Deseño, acabado e conexións

Non cabe dúbida que o primeiro que chama a atención no Gear S2 é o seu acabado esférico, logo de diversos modelos de reloxos intelixentes con pantallas cadradas, alongadas e curvas. Está dispoñíbel en diferentes acabados, o que fai que varíen lixeiramente as súas dimensións e peso, dependendo do modelo. A versión Sport mide 42,3 x 49,8 x 11,4 mm e pesa 47 gramos, mentres que o Classic mide 39,9 x 43,6 x 11,4 mm e pesa 42 gramos e, xa por último, o modelo 3G mide 44,0 x 51,8 x 13,4 mm e pesa 51 gramos.

samsung gear s2 - 3

A pantalla está rodeada dun bisel mecánico xiratorio, o que nos permite movernos rapidamente entre as aplicacións dispoñíbeis e levar a cabo algunha que outra función extra, dependendo do lugar no que esteamos. No lateral dereito ten dous botóns, o superior fai de “atrás”, mentres que o inferior é o que tradicionalmente coñecemos como “inicio”.

O sensor de ritmo cardíaco sitúase na parte traseira da caixa, protexido con cristal Gorilla Glass. Pola súa parte, as correas poden intercambiarse facilmente con calquera do estándar de 20 mm.

Tamén cabe destacar o certificado IP68, que protexe o trebello de salpicaduras e pequenos somerximentos en auga, así como do pó, aínda que non é se trata dun reloxo sumerxíbel como tal.

Pantalla

A pantalla é un panel circular de 1,2 polgadas e tipo SuperAMOLED. Ten unha resolución de 360 x 360 píxeles (isto é, 302 ppp) e está protexida mediante Gorilla Glass 3. Dispón de 10 níveis de brillo posíbeis, aínda que a ausencia dun sensor lumínico fai que teñamos que fixar manualmente o que máis nos convenza.

samsung gear s2 - 2

Leva 26 watchfaces preinstaladas, que á súa vez son personalizábeis, e tamén ten opcións que nos permiten elixir fotos propias para poñelas como esferas de reloxo.

Sorprendeunos para ben que deixar a pantalla todo o tempo activa ou tela configurada para que se apague e acenda cos xiros do pulso non supón grandes cambios na autonomía. E como pro-tip neste aspecto, dicir que as esferas negras axudan a reducir o consumo de batería.

Sistema operativo

Desde hai tempo Samsung renunciou a apostar por Android Wear, a alternativa de Google, para centrarse nunha versión de Tizen para wearables, que entre outras vantaxes ten unha mellor xestión dos recursos que repercute nunha maior duración da batería.

samsung gear s2 - 5

Hai cambios estéticos evidentes na adaptación do software a este reloxo, que fan que combinen co modelo circular. Neste punto, conséguese unha experiencia cómoda e ao tempo moi vistosa. Como comentamos antes, o bisel exterior permítenos ir movéndonos entre as diferentes aplicacións cunha resposta moi rápida.

Para traballar con el precisamos instalar unha aplicación específica, Gear Manager, no noso Android, que se encarga de todo o relativo ao emparellamento e configuracións. Ademais, a través da tenda de aplicacións de Samsung podemos acceder a un mundo de apps deseñadas para o reloxo (arredor do milleiro), entre as que destacan a da Liga de Fútbol ou a de tarxeta de embarque de Iberia, por citar un par de exemplos.

samsung gear s2 - 6

Tamén ten especial relevancia no smartwatch S Health, o servizo de fitness de Samsung. De feito existen diversas watchfaces orientadas a pór en valor este servizo. Quizais unha das prestacións máis curiosas é que é quen de moderar as notificacións dependendo do estado no que nos atopemos.

O Gear S2 ten un teclado moi xeitoso e doado de usar, así como acceso a un marcador desde onde podemos iniciar chamadas, moi cómodo se levamos o móbil no peto e temos xa os auriculares postos.

Batería

En canto á batería, ten unha capacidade de 250 mAh no caso da versión normal e de 300 mAh no modelo con 3G. No noso caso estivemos a probar a versión sen conectividade móbil e estando enlazado permanentemente co móbil por Bluetooth conseguimos unha autonomía de dous días completos coa pantalla on-off e de aproximadamente día e medio coa pantalla sempre activa. Neste aspecto quedamos gratamente sorprendidos.

samsung gear s2 - 4

A carga realízase a través dun cargador de inducción magnética de reducidas dimensións, ao que debemos colocar un cable microUSB. Resultounos especialmente rápida, aínda que ben é certo que son poucos mAh a cargar.

Conclusións

O Samsung Gear S2 é froito dunha evolución que necesitou varios modelos predecesores para acadar un produto case perfecto. A idea de ser un reloxo que nos lembra aos modelos tradicionais é unha xogada mestra para animar a moitas persoas que vían nos dispositivos que tiñan cámaras ou de gran tamaño elementos máis de ciencia ficción que accesorios que levar pendurados no pulso.

O coidado deseño, a aposta pola diferenciación, a consecución dunha autonomía máis ca aceptábel e o uso dun software que fai mover todo correctamente fan do Gear S2 un modelo a ter moi en conta.

O Gear S2 custa 296 € na súa versión Sport, mentres que a versión Classic sube até os 322 €. Non está previsto a comercialización da versión con conectividade móbil no noso país, imaxinamos que por ser estar aínda algo verde todo o tema das eSIM entre as operadores que traballan no país.

No Responses

Deixa un Comentario