Analizamos o ultraportátil LG Slimbook

lg slimbook - 1

Hoxe deixamos aparcados os móbiles e as tablets para falarvos dun trebello que estivemos probando nas últimas semanas, o LG Slimbook, o novo ultraportátil de LG. Trátase dun computador que pesa menos dun quilogramo, o que o fai idóneo para aquelas persoas que teñen que traballar en mobilidade.

Deseño, acabado e conexións

O LG Slimbook fai honor ao seu nome nas súas dimensións, 324 x 225 mm, cun grosor de 13,4 mm (pouco máis ca un boli Bic). A delgadez (e o uso do plástico como material básico) tamén deixa a súa pegada no peso do dispositivo, 980 gramos.

Estando pechado non queda todo ao mesmo nível, senón que a parte do gonzo queda algo máis alta, o que facilita o agarre para o transporte, e o poder metelo nas fundas tipo sobre que se comercializan para o transportar comodamente.

lg slimbook - 3

No lado esquerdo está situado o punto de carga, cun conector de tipo punta moi finiño para o noso gusto (dá a sensación de fraxilidade do pequeno que é, pero é duro e non hai problema), un porto USB 3.0 e o HDMI, ademais dun LED que marca a carga e o micrófono. No lado oposto, o dereito, temos outro USB 3.0, un microUSB, o lector de tarxetas e o jack 3.5 de audio. Os altofalantes principais están situados na parte inferior.

lg slimbook - 4

Como comentabamos no primeiro parágrafo deste apartado, o Slimbook usa o plástico como material principal, cun acabado moi agradábel á vista e tamén ao tacto. Unicamente nos decepcionou un chis a chapa da parte inferior, que non se ve, pero cando se colle no aire o ordenador dá sensación de ser algo fofa.

Especificacións e rendemento

Pasando a falar das súas características técnicas, no interior do ordenador atopámonos un procesador Intel Core 5 (2,20 GHz, Turbo até 2,70 GHz), acompañado de 4 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna SSD. Son unhas especificacións que van na liña do que adoitan levar este tipo de ultraportátiles, e malia que a priori eramos reticentes a como se podía comportar, acostumados a traballar con ordenadores máis potentes, a realidade amosounos que o dispositivo ten un rendemento superior ao que cabería agardar.

lg slimbook - 2

Dispón de cámara de 1,3 megapíxeles, cunha calidade bastante aceptábel para as videochamadas por Hangouts ou Skype, mesmo cando estamos en habitacións con pouca luz. O sistema de son é DTS Sound, da súa conectividade destaca a WiFi, Bluetooth 4.0 + LE e RJ45 (a través de microUSB, ollo).

O rendemento do dispositivo é moi positivo, no que tamén inflúe o sistema operativo. Leva Windows 10, unha versión que parece ter acabado con moitos dos males históricos do sistema operativo de Microsoft, e que consegue pór o Slimbook operativo partindo de estar apagado en tan só 7 segundos.

Instalámoslle software básico (navegadores, paquete ofimático, redes sociais…) e tamén algún que outro que require máis recursos, como Matlab. Se ben é certo que ao empregar en multitarefa este programa xunto a outros notabamos un pequeno quecemento (lóxico e normal) e menos velocidade de procesado que outros ordenadores máis potentes, para os usos habituais de navegador e procesadores de textos isto non se notaba en absoluto e o rendemento foi sempre óptimo.

Pantalla

A pantalla é un panel IPS LCD de 14 polgadas e resolución Full HD. É un tamaño superior ao habitual neste tipo de dispositivos, pero que se agradecen. Ademais, ao igual ca nos móbiles, onde o fabricante consegiu axustar o tamaño dos trebellos ao das pantallas, o Slimbook apenas ten marcos, polo que todo é superficie útil.

lg slimbook - 1

Admite unha variación do brillo bastante ampla, o que facilita a visualización da pantalla en todo tipo de entornos, así como un “modo lectura” que a optimiza para cando temos que traballar con textos. Bótase en falta que non sexa táctil, aínda que seguramente isto tería unha repercusión negativa en varios aspectos (batería, prezo…).

Batería

A batería é outra das súas grandes virtudes, acadando preto das 8 horas de uso real cunha soa carga, unha cifra máis ca interesante para un produto que precisamente está pensado para traballar en mobilidade, sen ter que andar dependendo de enchufes.

Conclusións

O LG Slimbook deixounos unha moi grata sensación. Coincidiu que nos chegou xusto antes de marchar ao Mobile World Congress, polo que a feira foi un estupendo campo de probas: puidemos ver de primeira man como o dispositivo é capaz de aguantar maratonianas xornadas de traballo autonomamente, permitíndonos deixar o cargador e levar unicamente o dispositivo.

O seu peso, menos de 1 kg, e o seu reducido tamaño tamén foi algo que agradecemos moito, pois non precisamos grandes mochilas para o cargar nin supuxo un incordio. Máis ben ao contrario, houbo veces que chegamos a dubidar de levalo enriba.

Seguramente o que máis botamos en falta foi a presenza de pantalla táctil, que sen dúbida nos serviría para axilizar moitas das accións que facemos cun ordenador deste tamaño, polo que quede esta idea aquí para futuras versións.

O LG Slimbook pódese mercar en diversas tendas en liña, entre elas a propia de LG por algo máis de 1000 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply