Nokia C9: será este o primeiro gama alta Nokia con Android?

Polas mans e vidas de moitas de nós pasaron diferentes dispositivos Nokia. Non falamos da última tanda de Lumia’s, senón dos Nokia de verdade, dos clásicos. Aqueles que malia non vir con certificación IP resistían caídas e molladuras… eran tempos felices.

Pero Nokia reaccionou tarde (e mal) ao auxe dos smartphones. Non soubo ver o que viña enriba, e tras tentalo con solucións propias comezaron a experimentar con Windows Phone, o que acabaría derivando en acordos cada vez máis ambiciosos e, finalmente, con Microsoft mercando a división de móbil e as plantas de produción da histórica marca, aínda que non o nome comercial.

nokia c9 filtrado - 2

Meses atrás soubemos que Nokia volvería a facer teléfonos, ou mellor dito, que veríamos teléfonos de marca Nokia, fabricados por alguén con quen chegasen a un acordo. Sen ter moi claro quen ten as fábricas, nin onde, semella que este momento está a piques de chegar, pois veñen de se filtrar as primeiras fotos e especificacións do que sería o Nokia C9.

O novo smartphone de Nokia estaría orientado a loitar por facerse oco no que denominamos gama media – alta. Entre as especificacións que se rumoreaban están o omnipresente Qualcomm Snapdragon 820, o modelo de chipset que están a empregar todos os gama alta no que vai de ano, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que poden ser ampliábeis mediante tarxetas microSD.

nokia c9 filtrado - 3

A pantalla rondaría as 5 polgadas, quizais un pouco máis, aínda que isto non está confirmado. O que si que se dá por seguro é que a cámara principal será de 21 megapíxeles e que a frontal quedará nos 8 megapíxeles. Como sistema operativo usará Android 6.0 Marshmallow.

A filtración non fala de datas, nin de cando será presentado nin de cando podería pórse a venda, aínda que semella que un dos primeiro países en poder disfrutalo será a China, onde custaría arredor de 400 euros ao cambio actual.

Deixa un Comentario