Zegona (Telecable), candidata mellor posicionada para mercar Yoigo

A posta á venda de Yoigo por parte da súa matriz, TeliaSonera, foi un tema recorrente nos últimos dous anos. Cando todo parecía estar máis calmado, logo dos movementos no sector das telecos do verán pasado, os rumores volveron con forza pouco antes do Mobile World Congress. Uns rumores que foron cobrando forza ao empezar a soar nomes de candidatos e ofertas económicas.

Nos últimos días soubemos que había dous candidatos interesados en facerse coa cuarta operadora española con rede propia: dunha banda, Másmóvil, unha das operadoras móbiles virtuais que contribuíron a baixar os prezos no Estado durante os últimos anos, e por outro lado Zegona, o fondo de investimento creado por exdirectivos de Virgin que o verán pasado mercou, por sorpresa, a operadora asturina de cable, Telecable.

Segundo adianta o diario económico Expansión, Zegona tería presentado unha oferta uns 60 – 65 millóns de euros superior á proposta por Másmóvil, en calquera caso por riba dos 500 millóns de euros que se estiman foi a cantidade de partida que tería proposto TeliaSonera.

Descoñecemos cal será o plan de Zegona de cara a unha posíbel integración de Yoigo e Telecable, pero a priori semella algo improbábel a curto prazo, dado que Yoigo está moi centrada nos servizos de móbil (os intentos de entrar na Internet fixa con “Fusión a lo Yoigo” foron un desastre comercial), e Telecable está moi asentada en Asturias coa súa oferta de cuádruple play (Internet, TV, fixo e móbil).

Son moitas as voces que cren que os movementos dos últimos tempos van na liña de crear unha cuarta gran operadora a nível estatal. Lembremos que foron moitas as empresas que pasaron a formar parte dun operador con rede ou son, directamente, marcas brancas da súa matriz:

  • Telefónica: Movistar e Tuenti.
  • Vodafone: Vodafone, Ono e Lowi.
  • Orange: Orange, Jazztel, Simyo e Amena.
  • Euskaltel: Euskaltel e R.
  • Zegona: Telecable e Yoigo?

Tras facerse con R, Euskaltel parecía unha das mellores posicionadas a loitar por ser ese cuarto operador, mercando primeiro Telecable para consolidar o cable do norte do Estado e posteriormente Yoigo para adquirir rede móbil. Porén, o feito de ter renunciado a competir por Telecable e Yoigo relegaría á empresa eúskara a un segundo plano, dado que mercando Yoigo Zegona pasa a controlar un grupo con facturación de case mil millóns de euros, isto é, superior a 700 millóns que supoñen Euskaltel e R conxuntamente.

Sobre o autor

Reply