R abre unha consulta para mellorar a cobertura de wificlientesR

A dura competencia no sector das telecomunicacións, sobre todo entre aquelas compañías que ofertan o chamado cuádruple play (Internet, fixo, TV e móbil)  provocou que as operadoras comezasen a traballar en servizos de valor engadido. No caso da galega R un destes servizos diferencias é wificlientesR, a maior rede WiFi do país exclusiva para clientes.

Segundo informan desde R xa son máis de 110.000 clientas da operadora as que se conectan a wificlientesR de maneira habitual, tanto na rúa como no interior de establecementos a través dos máis de 90.000 puntos de acceso dispoñíbeis nos 101 concellos galegos en que dispoñen de rede propia, o que axuda a reducir o consumo de datos móbiles, coa vantaxe que isto supón.

wificlientesR

A operadora ten previsto levar a cabo nos próximos meses unha mellora sustancial en wificlientesR mediante a instalación de puntos de acceso profesionais. Estes puntos permiten aumentar significativamente a cobertura (entre uns 50 e uns 100 metros), soportar máis usuarias ao mesmo tempo (até un máximo de 100) e ter máis velocidade, acadando os 100 megas en descarga, sempre cando os trebellos sexan compatíbeis.

Para estudar onde instalar estes novos puntos, ademais  de empregar os datos de uso recollidos pola propia compañía, veñen de abrir unha consulta que permite ás usuarias suxerir lugares onde cren que sería interesante instalalos. Aquelas persoas que queiran facer as súas achegas deben enviar as súas propostas por correo electrónico ao enderezo quecheparece@mundo-r.net, indicando no asunto “Ampliación wificlientesR”, ou deixar un comentario neste post do blog  da empresa.

Comezar a empregar wificlientesR no móbil é moi sinxelo: tan só hai que instalar a aplicación da compañía, ingresar cos datos de cliente e acceder á opción correspondente para que o trebello quede configurado automaticamente. Non tan evidente é a configuración desde outros dispositivos, mais nesta ligazón podemos atopar toda a información para levalo a cabo.

Sobre o autor

Reply