O Meizu Pro 6 apúntase aos 6 GB de RAM

Realmente precisamos que os nosos trebellos dispoñan de 6 GB de memoria RAM para as necesidades de computación actuais? O máis seguro é que non, pero tampouco é cuestión de poñerlles reparos. Se o Vivo Xplay 5 daba hai uns días o primeiro paso para comezar a ver terminais con esta capacidade de RAM, agora sabemos que Meizu encargarse de secundala co novo Meizu Pro 6.

Realmente, segundo as filtracións que chegan desde a China, o Meizu Pro 6 estará dispoñíbel en dúas versións, unha básica con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna e outra de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe. O que si, en ambos os casos o procesador empregado será un Samsung Exynos 8890, o mesmo modelo que empregan os Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge naquelas rexións nas que non se vende co modelo de Qualcomm.

Mais o procesador non será o único que teña o Meizu Pro 6 do Galaxy S7, xa que segundo se pode apreciar nas imaxes filtradas tamén terá unha pantalla curva nos laterais, moi similar á do Galaxy S7 Edge, aínda que no caso do terminal chinés tamén vén co sistema 3D Touch, que detecta diferentes níveis táctiles de presión para levar a cabao diferentes actuacións (por exemplo para o acceso a menús).

Outras das especificacións que xa se dan por seguras son a batería con función de carga súper rápida, o son con calidade Hi-Fi 3.0 e Flyme OS (baseado en Android 6.0) como sistema operativo. Haberá que agardar aínda un tempo para que o trebello sexa por fin un modelo oficial e, polo tanto, teñamos acceso á listaxe completa e confirmada de características.

Que vos parece o que vai saíndo?

Sobre o autor

Reply