Apple anuncia o iPhone SE para completar a gama media

Tal e como xa foran apuntando os rumores das últimas semanas, Apple anunciou na keynote desta tarde o lanzamento do iPhone SE, a súa alternativa low cost para aquelas usuarias que queren un dispositivo da compañía da mazá mordida pero que non lles presta gastar grandes cantidades nun trebello.

Xa que logo, non debemos entender o iPhone SE como un sustituto dos iPhone 6S / 6S Plus, senón como un trebello para convivir no tempo e ofrecer máis alternativas, sobre todo en mercados como o chinés ou o indio, onde Apple leva tempo tratando de introducirse sen o agardado éxito comercial, principalmente debido á barreira económica.

iphone se - 2

O novo iPhone SE integra unha pantalla de 4 polgadas, un tamaño menor aos actuais modelos referenciais que tampouco incorpora a tecnoloxía 3D Touch, unha das principais novidades dos modelos 6S / 6S Plus. No interior leva un procesador A9, o mesmo ca o iPhone 6S, 1 GB de memoria RAM e 16 ou 64 GB de memoria interna, segundo versións. Tamén dispón de botón Touch ID e soporte para NFC, necesarios para poder funcionar co sistema de pagos móbiles Apple Pay, así como LTE, malia que limitada a 150 Mbps.

No apartado multimedia e fotográfico, na cámara principal apostaron por un sensor de 12 megapíxeles e Live Photos, ademais de poder gravar vídeo en 4K. Centrándonos de audio e malia a rumoroloxía inicial, conta con jack para conectarlle uns altofalantes, a diferenza do iPhone 7, que está previsto que elimine este conector.

En canto a acabados e materiais, a diferenza de outros modelos de gama media da compañía (léase, o iPhone 5C), o novo SE aposta polo uso do metal, deixando de lado as rechamantes cores plásticas daquel modelo. Postos a buscarlles parecidos, o novo dispositivo de Apple é cuspidiño ao iPhone 5S.

iphone se - 3

Está previsto que o novo iPhone SE se poña á venda por 489 euros a versión de 16 GB e 589 € a de 64 GB, aínda que até maio non chegará ao noso país.

No Responses

Deixa un Comentario