A fin das tarifas planas fixas e a política de subvencións ás telecos

Hai aproximadamete un mes, durante a rolda de prensa na que Teléfonica presentaba os seus resultados do ano 2015, houbo tempo para moitas cousas. Ademáis de spammear co ben que vai a empresa – que se miramos os datos ao detalle é máis ca discutíbel – o presidente, César Alierta, falou da máis que probábel chegada das tarifas escalonadas para as conexións dos nosos fogares. Este eufeminismo non é máis que falar do máis que probábel principio do fin das tarifas planas fixas

Efectivamente, as conexións ilimitadas en cantidade de datos nos fogares poden ter os días contados. A intención de Teléfonica, como xa fan noutros países, é a de plantexar novos contratos cos que vender unha cantidade determinada de gigas para consumir ao longo de cada mes. A historia soa ben, véndenos que non é xusto que as heavy user paguen o mesmo que as usuarias que fan un uso menos intensivo da súa conexión.

Na nosa opinión, podería chegar a ser unha opción se deste xeito os prezos baixan para as usuarias menos activas, pero pensamos que vai ocorrer todo o contrario: subirán os prezos ás usuarias intensivas, mantendo o prezo do resto. Polo tanto e coma sempre, só gaña unha parte da ecuación: a empresa.

Esta nova ten especial relevancia se a situamos no contexto actual do mercado español. Tuenti é unha marca de Movistar, R vén de venderse a Euskaltel, Jazztel xa foi incorporada a Orange, Ono está controlada por Vodafone e Yoigo está novamente no mercado esperando comprador. Polo tanto, aínda que quedan moitas marcas comerciais, detrás destas só quedan unhas poucas empresas que queren recuperar o control do mercado coma ocorría durante os escuros anos 90, nos que o consumidor non tiña alternativas.

fin das tarifas planas

Ademáis de situar a nova no contexto actual, temos que ter en conta o cambio nos hábitos de consumo de todo tipo de contido multimedia. Vemos como nos últimos anos o consumo de gigas nas nosas conexións fixas vén de aumentar exponencialmente coa chegada do HD: 1080p, 2K e mesmo 4K, ademáis da xeneralización no consumo de contido en streaming. Tampouco debemos esquecer os espazos na nube, cada vez más amplos que leva aparellado o seu consumo de datos. Unha vez interiorizados estes novos hábitos, que mellor momento de subir o prezo?

Polo de agora, esta proposta está formulada por unha das “sete irmáns” das telecomunicacións e co paso do tempo vemos como actúan: unha delas dá un paso adiante cunha medida controvertida que beneficia á empresa e vai en contra da usuaria, pero aos meses o resto das empresas copian a medida e á usuaria non lle queda outra que tragar.

Por se isto fose pouco, debemos sinalar outra circunstancia que xogan en contra de Telefónica. A CNMC obrigará á empresa a abrir a súa rede naqueles lugares donde non existan outras dúas redes de fibra ou cable. A razón que levou ao ente regulador a tomar esta decisión é que nestas zonas a cota do mercado de teléfonica é do 60% e queren aumentar a competencia: soaralle a monopolio?

Esta medida, máis aló de fomentar a competencia tamén pode ser que xogue en contra da inversión, pois polo de agora non se pode descartar que Movistar paralice a inversión, pois non existe lei que os obrigue a aumentar a cobertura de fibra, e a ameaza que xa deixou caer en máis dunha ocasión. Pase o que pase, Movistar podería perder clientas o que supón unha baixada dos ingresos.

redes 01

Pensamos que as cousas teñen que cambiar e non sabemos se a solución pasa pola obriga de abrir a rede á competencia, ou pola creación dunha rede pública no canto de subvencións ás operadoras, modelo do que levan anos beneficiándose as telecos. Se pensamos no alto porcentaxe de kilometros de fibra óptica e antenas de telefonía móbil que foron despregadas en Galiza nos últimos anos baixo este modelo de subvención, non tería sido máis lóxico que a rede fose pública para este servizo de primeira necesidade e que as empresas comercializadoras pagasen un alugueiro polo uso da rede?

Sexa como fór, a estas alturas da película estamos diante dun problema serio, pois unha conexión a Internet ten o mesmo peso que o servizo de auga ou luz para o día a día de moitas persoas, tanto para uso doméstico como profesional, e por iso calquera regulación que poda xogar en contra das empresas, ten que facerse con tino para non empeorar máis a situación de moitas usuarias que, ou non teñen alternativas máis económonicas ou só teñen accesos máis propios de comezos do 2000 ca do ano 2016 no que estamos.

2 Comentarios

  1. jonhdoe 22 Marzo, 2016 Responder
  2. Xosé 25 Marzo, 2016 Responder

Deixa un Comentario