Comeza a prevenda da bq Aquaris M10 Ubuntu Edition

Durante o pasado Mobile World Congress o fabricante bq anunciou a súa tablet bq Aquaris M10 Ubuntu Edition. Como ben indica o seu nome, a nova tablet de bq ten no seu sistema operativo – Ubuntu – un dos seus elecmentos diferenciadores. Agora, a compañía española vén de indicar que o vindeiro luns 28 de marzo abrirá a prevenda a través da súa tenda online global en dúas versións, a M10 FHD e a M10 HD, así como tamén en dúas cores, branco e negro.

bq aquaris m10 ubuntu

A idea que subxace detrás deste trebello, máis aló de ser unha simple tablet, é servir de “convertíbel“, é dicir, un produto que pode ser empregado como tablet ou dotar ás usuarias dunha experiencia en mobilidade dunha equipa de escritorio, dado que admite a conexión de periféricos como un teclado ou un rato convencional.

A versión máis ambiciosa e a FHD, cuxas características hardware pasamos a enumerar:

  • Pantalla AHVA de 10,1 polgadas, con resolución 1920 x 1200 píxeles (240 ppp).
  • Procesador MediaTek Quad Core MT8163A a 1,5 GHz.
  • 2 GB de memoria RAM.
  • 16 GB de memoria interna (10 GB dispoñíbeis para as usuarias), ampliábeis por microSD de até 200 GB.
  • Cámaras: principal de 8 e frontal de 5 megapíxeles.
  • Batería de 7280 mAh.
  • LED de notificacións.
  • 2 altofalantes de 0,7 W.
  • Conexións: ranura microUSB OTG, microHDMI, jack de audio 3.5, WiFi de 2,4 e 5 GHz, Bluetooth 4.0, GPS.

Pola súa banda, a versión HD desta tablet é idéntica en canto a deseño, pero muda algunhas das súas especificacións técnicas, nomeadamente a pantalla, o procesador e as cámaras:

  • Pantalla AHVA de 10,1 polgadas, con resolución 1280 x 800 (160 ppp).
  • Procesador MediaTek MT8163B até 1,3 GHz.
  • Cámaras: principal de 5 e frontal de 2 megapíxeles.

As bq Aquaris M10 Ubuntu Edition, tanto a versión FHD como a HD, veñen de serie coa versión de software Ubuntu 15.04, que imaxinamos poderá ser actualizada a próximas  e disporán de accesorios adaptados para sacarlles máis partido.

Que vos parecen?

Deixa un Comentario