Orange comeza a ofrecer chamadas de móbil por WiFi

Orange leva un tempo reinventándose e dándolle unha volta aos seus servizos avanzados de móbil. Se hai uns días anunciaron a nova multiSIM, que por unha cota única de 4 € / mes permítenos ter até 4+1 tarxetas SIM co mesmo número para usar en todos os nosos trebellos, hoxe dan a coñecer o servizo de chamadas móbiles a través de WiFi.

Grazas a esta novidade as usuarias poden facer e recibir chamadas co seu número de teléfono móbil aínda non tendo cobertura da rede móbil de Orange, dado que unicamente será preciso que o dispositivo esté conectado a unha rede WiFi. Isto mellora notabelmente a experiencia de usuaria en contornas onde a cobertura móbil pode non ser tan boa, como zonas rurais, interiores de vivendas, edificios ou centros comerciais. Porén, e malia que a idea podería ser moi boa pensando en empregar o móbil no extranxeiro e evitar así os cargos por roaming, polo de agora este servizo só funciona a través de WiFis españolas.

O servizo é totalmente gratuíto, sen cotas de activación ou mantemento, e serve para chamar a calquera destino, xa sexa fixo ou móbil. Non ten tampouco tarificacións adicionais, de tal maneira que se a clienta ten un bono de minutos descontarásenlle deste, do mesmo modo que se temos contratada unha tarifa plana con chamadas ilimitadas tampouco se nos cobrará nada a maiores.

chamadas wifi orange  iphone

Nesta primeira fase o servizo de chamadas móbiles unicamente está dispoñíbel para as usuarias de iPhone cos modelos 5C, 5S, 6 e 6S (imaxinamos que tamén o novo iPhone SE, pero isto non se especifica), mais a idea é ofrecelo ás usuarias de outros sistemas operativos (Android) máis adiante. Para activalo unicamente hai que ir ao menú de axustes, opción teléfono e activar as “chamadas WiFi”. Deste modo cando esteamos conectadas a unha rede WiFi as chamadas cursaranse inicialmente por esta rede, sen importar cal sexa a operadora que provee ese acceso a Internet.

Máis información: Orange.

Deixa un Comentario