Twitter xa permite engadir descricións ás imaxes

Logo de ter cumpridos uns intensos dez ano na rede, Twitter segue a renovarse co lanzamento de novidades, desta vez centrándose nas imaxes e na discapacidade. A través dunha actualización, que estará dispoñíbel a partir de hoxe tanto para o sistema operativo Android coma iOS, poderemos engadir descricións de até 420 caracteres ás imaxes que se suban á plataforma de micromensaxería.

Lonxe do que puidera parecer, detrás desta nova funcionalidade está a accesibilidade, dado que introducindo esta descrición (coñecido como alt-text), as persoas con discapacidade visual poderán saber o que amosa a imaxe grazas aso sistemas de lectura de texto que empregan, como os screen readers ou os Braille displays.

twitter imaxes con descricion

O mecanismo de funcionamento é moi sinxelo: ao cargar unha fotografía nun tweet aparecénos unha nova opción na parte inferior esquerda da fotografía etiquetada como “Engadir descrición”, e tan só teremos que escribir o que amosa a imaxe.

Con esta funcionalidade Twitter axuda a reducir as barreiras que afastan ás persoas con discapacidades visuais da rede, polo que queda nas mans de todas e cada unha de nós facer uso desta ferramenta para conquerir eliminalas definitivamente.

Máis info: Twitter.

Deixa un Comentario