Uber anuncia o seu regreso a España

Hai algo máis dun ano Uber tivo que cesar a súa actividade no Estado español tras unha decisión do Xulgado do Mercantil nº2 de Madrid, logo das protestas do sector do transporte, nomeadamente do taxi. Porén a compañía vén de anunciar a través do seu perfil de Twitter que prepara o seu regreso, de momento a Madrid.

A nova non nos colle por sorpresa, dado que desde o momento no que o xulgado decidiu suspender o servizo UberPop (que puña en contacto a particulares entre si) Uber xa anunciara que regresarían cumprindo todas as exixencias legais para poder funcionar sen aproveitarse dos baleiros legais existentes no Estado español.

Entre eses requerimentos necesarios que o servizo cumprirá a partir de agora están a necesidade de que todos os vehículos dispoñan da licenza VTC (vehículos de transporte con condutor), así como unha serie de exixencias para as condutoras, como estar ou ben dadas de alta como autónomas ou ben ser contratadas directamente por Uber como chóferes.

Non haberá que esperar moito para volver a disfrutar de Uber nalgunhas cidades do estado como Madrid, mais chegará algún día ao noso país? Que vos parecen este tipo de servizos?

No Responses

Deixa un Comentario