Prohibir usar o móbil mentres se camiña? En USA estano estudando

Todas somos coñecedoras das intensas campañas da Dirección Xeral de Tráfico sobre o uso do móbil cando estamos conducindo, e en certa maneira semella que nos últimos anos fomos tomando conciencia do perigo que supoñen estas prácticas, tanto para as infractoras como para outras persoas ás que pola súa neglixencia poderíamos pór en peligro.

O caso é que en nalgunhas zonas dos Estados Unidos aspiran a ir un paso máis aló e multar ás persoas que empreguen o móbil ao tempo que camiñan. No concreto, falamos do Estado de New Jersey, onde tras as experiencia nunha vila chamada Fort Lee, na que xa se contemplan sancións por esta práctica, estase a tramitar unha proposta de lei para levar esta prohibición a todo o estado.

A normativa que propuxo unha tal Pamela Lampitt (representante de New Jersey na Asemblea dos EEUU) contempla a posibilidade de sancionar ás persoas por ir distraídas co móbil, ao entender que isto pode pór en perigo ás persoas que a arrodean. Estaríamos a falar de multas de 50 dólares, 15 días de prisión ou mesmo ambas cousas ao tempo.

Segundo as estatísticas dos Estados Unidos entre o 2000 e 2011 houbo 11.001 atropelos nos que a causa da distracción do peón foi o uso do móbil. Se falamos do Estado español temos que remitirnos a un estudo presentado pola Fundación Mapfre durante o verán pasado, no que se falaba de que no 98% dos accidentes nos que hai involucrado un peón este ía entretido co teléfono.

O tempo diranos se a proposta da señora Lampitt chega a ser tramitada e aprobada, algo que dubidamos, mais o certo é que non debera extranarnos que dentro dalgún tempo comecemos a escoitar propostas semellantes neste lado do Atlántico.

Que pensades vós sobre o tema?

Sobre o autor

Reply