Oppo fai oficial o Oppo F1 Plus con cámara frontal de 16 megapíxeles

O fabricante asiático Oppo vén de facer oficial o seu novo smartphone, o Oppo F1 Plus, un dispositivo que vén a renovar o Oppo F1 anunciado a comezos deste mesmo ano. Está previsto que chegue a Europa no mes de maio, e o seu punto diferenciador é a incorporación dunha cámara frontal de 16 megapíxeles, que fará as delicias das usuarias que gostan de sacar selfies.

O dispositivo está fabricado en metal e conta cunhas medidas de 151,8 x 74,3 x 6,6 mm e un peso de apenas 145 gramos. A pantalla é un panel AMOLED de 5,5 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1080 píxeles), protexido mediante o sistema Corning Gorilla Glass na súa versión 4, e sen apenas marcos laterais, cos seus 1,66 mm.

oppo f1 plus - 1

No interior deste novo smartphone atopámonos cun procesador MediaTek Helio P10, de oito núcleos e unha frecuencia de reloxo de 2 GHz, acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 128 GB. Dispón de lector de pegadas dixitais, que se sitúa baixo a pantalla, e soporte para dúas SIM ao mesmo tempo, aínda que un dos slots é adicado e outro compartido entre unha nanoSIM ou unha tarxeta microSD. A súa batería é de 2850 mAH e dispón de sistema de carga rápida (carga o 75% da capacidade en apenas media hora).

No apartado fotográfico, a cámara principal é de 13 megapíxeles, mentres que a frontal é de 16 megapíxeles. É sen dúbidas o elemento máis destacábel do dispositivo, e ten unha apertura de f/2.0 e diversos modos de imaxe, como o selfie panorámico ou o “flash en pantalla”, que ilumina a pantalla ao máximo á hora de sacar unha foto en condicións de certa escuridade.

oppo f1 plus - 2

O Oppo F1 Plus estará dispoñíbel en dúas cores, dourado e rosa, por 389 euros. Vén con Android 5.1 Lollipop e a capa de personalización Color OS 3.0. Que vos parece?

Deixa un Comentario