Acer anuncia o Chromebook 14, con autonomía de 14 horas

Acer segue ampliando o seu catálogo de Chromebooks – un dos máis extensos – co novo Acer Chromebook 14, un dispositivo construído en aluminio que incorpora unha pantalla de 14 polgadas e que ten na duración da súa batería, até 14 horas, un dos seus maiores puntos fortes.

Ben é certo que á hora de buscar trebellos para a mobilidade moitas usuarias prefiren os dispositivos de 11 ou 13 polgadas, mais ás veces estas poden resultar un tanto escasas, segundo os usos. Por iso Acer decidiu apostar neste novo modelo por integrar unha pantalla de maior tamaño, concretamente 14 polgadas, que estarán dispoñíbeis tanto en versión HD (1366 x 768 píxeles) como FullHD (1920 x 1080 píxeles). En ambos os casos dispoñen dun ángulo de visión de 170 graos e tecnoloxía ComyView, destinada a reducir os brillos e as reflexións para unha lectura máis cómoda e menos molesta.

Dependendo das versións podemos atopalo cun procesador Intel Celeron de dous ou catro núcleos, así como 2 ou 4 GB de memoria RAM. Dispón ademais de dous portos USB 3.1 e porto HDMI, así como múltiples opcións de conectividade (Bluetooth 4.2, WiFi Dual-Band 2×2 MIMO 802.11.ac/a/b/g/n. A webcam é un modelo de 720p (1280 x 720 píxeles), unha resolución que permite tanto a gravación de audio e vídeo HD como unhas vídeoconferencias de gran calidade.

Outro punto a destacar é o seu deseño, onde Acer apostou por facer un dispositivo ultrafino (17 mm) e lixeiro (1,55 kg). Neste aspecto ten moito que ver o material elixido para a súa fabricación, o aluminio, que ademais de ser lixeiro achega unha sensación de calidade bastante superior.

No noso país, o Acer Chromebook 11 estará dispoñíbel ao longo do mes por 299 € a versión de 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, e como vén sendo habitual nos Chromebooks virá coa promoción de 100 GB de almacenaxe gratuíta en Google Drive durante dous anos, o que permite ás usuarias facer uso non só da almacenaxe na nube gratuitamente, senón tamén editar ficheiros a través das ferramentas ofimáticas deste servizo de Google.

Sobre o autor

Reply