A fin do roaming en Europa: nova rebaixa dos prezos desde o 30 de abril

O 15 de xuño de 2017 chegará o ansiado fin do roaming en Europa, unha cuestión que leva tratándose moitos anos e que por fin permitirá que poidamos viaxar polos países que forman parte do Espazo Económico Europeo sen ter que pagar sobrecustos por falar por teléfono ou navegar. Porén, mentres agardamos a que chegue ese momento, a partir do próximo 30 de abril reduciranse notabelmente os custos de itinerancia que se pagan na actualidade.

Na actualidade aplícase unha política de prezo fixado que establece unhas tarifas de 23 cént/min para as chamadas realizadas, 6 cént/min para as chamadas recibidas, 6 céntimos por SMS enviada e 24 céntimos por MB de datos consumido.

Porén, a partir do 30 de abril comeza a aplicarse o modelo de sobrecustes, polo cal pagaremos unha cantidade sobre o prezo dos servizos que teñamos contratados. É dicir, á nosa tarifa local debemos sumarlle 6 cént/min en chamadas realizadas, 6 céntimos por MB gastado e 2,42 céntimos por SMS enviada. Recibir chamadas custaranos 1,7 céntimos por minuto. Tendo en conta que a meirande parte das tarifas que se comercializan hoxe en día no estado español son planas ou con prezos de 0 o 1 cént/min, a rebaixa é beneficiosa.

Fin do roaming no 2017, pero con límites.

Malia esta rebaixa, é obvio que o gran momento será xuño de 2017, cando se eliminen totalmente os sobrecustes. Porén, non vai haber unha política de barra libre, dado que desde a Comisión Europea están a estudar algún tipo de limitación a modo de política de uso razoábel. Isto ten como finalidade que ninguén aproveite a ocasión para contratar tarifas de outros países, polo que é máis ca probábel que haxa un volume máximo de consumo ou algún tipo de limitación en días que se pode usar. Está previsto que estas limitacións sexan dadas a coñecer antes do 15 de decembro.

Así podemos aforrar máis ca coa rebaixa de abril

Malia a rebaixa que sufrirá o roaming este 30 de abril, a aquelas persoas que vaian facer uso máis intenso dos seus trebellos en roaming compénsalles ter contratadas outro tipo de tarifas. Por exemplo Vodafone xa eliminou o roaming en Europa e USA nas súas tarifas e Orange dispón do módulo Go Europa, que por 1 €/día ofrece 100 MB de navegación.

Sobre o autor

Reply