O HTC One M10 viría con estabilizador óptico na cámara frontal

En apenas 9 días, o próximo 19 de abril, HTC desvelará o seu novo terminal de referencia, o HTC One M10, aínda que segundo varias filtracións o nome final podería ser simplemente HTC 10, o que tamén viría a confirmar o comezo dunha nova era. Este dispositivo será, como xa temos comentado, unha das últimas oportunidades de HTC para saír da grave crise que acusa desde hai xa moitos meses.

Nos últimos tempos foron moitas as especificacións deste novo trebello que se foron filtrando en diversos medios, algo que dá mostra do interese que hai nel, tamén pola campaña da compañía que apuntan a que teñen preparado algo “grande e diferenciador”. Unha destas características notábeis será, segundo parece, a presenza do sistema de estabilización óptica na cámara frontal, o que permite que as selfies saian máis nítidas e, por suposto, menos movidas. Por marcar records, con esta especificación o HTC One M10 sería o primeiro dispositivo comercial en implementala.

htc sense 8.0

Por outro lado, e non menos importante, esta semana tamén tivemos novos datos sobre HTC Sense 8.0, a nova versión da capa de personalización de HTC que inaugurará este dispositivo. Serán precisamente as posibilidades en canto a personalización as que marquen a diferenza coas anteriores, grazas ao que deron en chamar Freestyle Layout, unha característica que permitirá ás usuarias configurar a interface ao gusto, tanto coas apps e widgets como con stickers.

Como diciamos ao comezo, teremos que agardar aínda uns días até o 19 de abril, cando se abra o telón e descubramos se realmente HTC soubo facer os deberes e anuncia algo diferenciador ou se, pola contra, asina a súa propia acta de defunción.

No Responses

Deixa un Comentario