Oukitel K6000 Pro, con 6000 mAh de batería

Se nos desen a escoller que especificación do noso smartphone nos gustaría ver mellorada, de seguro que moitas de nós diríamos que a batería. Con todo, estamos seguras de que isto non será un problema para quen se faga co novo Oukitel K6000 Pro, un dispositivo de orixe asiático que destaca por dispór dunha batería de nada máis e nada menos ca 6000 mAh de capacidade.

O resto de características non son especialmente diferenciadoras, senón que máis ben están na liña das centos de opcións que temos na gama media Android. A súa pantalla é un panel FullHD de 5,5 polgadas, e no seu interior alberga o procesador MediaTek MT6753, de oito núcleos, que vén acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD.

A cámara principal é de 13 megapíxeles e a batería, como xa se dixo, de 6000 mAh. Dispón de lector de pegadas dixitais e conectividade 4G. En canto a sistema operativo, emprega Android 6.0 (Marshmallow).

Polo de agora non se especificou o seu prezo, nin se estará á venda de xeito oficial en Europa, mais todo apunta a que será o típico dispositivo que unicamente poderemos mercar a través das webs especializadas en dispositivos asiáticos. Que vos parece como alternativa?

Deixa un Comentario