O Santander apúntase aos pagos móbiles con Santander Wallet

O Banco Santander súmase hoxe ao crecente número de entidades financieiras que permiten pagar co móbil, grazas ao lanzamento da súa nova aplicación Santander Wallet. Poderán facer uso dela as clientas deste banco que dispoñan dun dispositivo Android con NFC e a versión do sistema operativo 4.4 (KitKat).

A través de Santander Wallet as usuarias poden pagar as súas compras nos TPV que dispoñan de tecnoloxía contactless, que xa usan a meirande parte dos establecementos do Estado español, sen necesidade de ter que levar a tarxeta física, xa que esta estará virtualizada na apropia aplicación.

santander wallet

No caso de ter máis dunha tarxeta da entidade (por exemplo unha de débito e unha de crédito), poderase escoller con cal se quere facer cada compra, aínda que para maior comodidade permite ter unha preseleccionada para facer o pagamento. Con esta fórmula nin sequera será preciso abrir a aplicación, xa que só con achegar o móbil poderase facer o pago, e se a cantidade é menor a 20 euros non haberá nin que poñer o código PIN.

O Banco Santander súmase con este movemento a outras entidades como o BBVA, un dos pioneiros no Estado español en incorporar este tipo de servizos, e Abanca, que porá en marcha este sistema a través de Samsung Pay, como xa vos contamos hai unhas semanas. A operadora Vodafone tamén dispón dun servizo semellante que ten a vantaxe de funcionar con tarxetas de diferentes entidades na mesma aplicación de pagos.

Se queredes descargar Santander Wallet podedes facelo desde esta ligazón.

Deixa un Comentario