Analizamos o LG Zero

Ás veces é preciso sermos radicais e reinventarnos para comezar de cero. Esa máxima que moitas persoas aplican algunha vez na súa vida debeu ser o que levou a LG a plantexarse o terminal que hoxe traemos para analizar, o LG Zero. Trátase dun dispositivo que serviu para rachar co pasado e iniciar unha nova era na gama media da compañía surcoreana.

Deseño, acabados e conexións

O LG Zero foi o primeiro dispositivo no que LG decidiu apostar unicamente polo aluminio para os seus acabados, o que xa de primeiras serve para termos unhas sensacións de calidade moito maiores ás do plástico, un camiño que están a seguir moitos fabricantes nas últimas datas.

lg zero - 1

O seu deseño brila pola sobriedade, apostando por unha liña moi tradicional e laterais que se curvan lixeiramente para facilitar o agarre, o que fai que na man sexa especialmente cómodo. Rachando coa uniformidade do produto temos a cámara traseira, xunto co flash e os botóns de volume e acendido, que sobresaen sobre a traseira lisa.

As bandexas para as tarxetas nanoSIM e microSD sitúanse no lateral dereito do trebello, mentres que o microUSB e o jack 3.5 para o audio están na parte inferior do dispositivo; o resto das aristas están baleiras.

lg zero - 2

Gustounos especialmente o detalle dos parafusos situados tanto na parte superior como na inferior do dispositivo, xa que lle aportan un aspecto industrial que a noso parecer melloran a estética global do smartphone.

Hardware e rendemento

No interior do Zero atopámonos unha folla de especificacións semellante á de outros terminais da mesma gama: o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon, que vén acompañado de 1,5 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Bótase en falta a presenza do NFC e do lector de pegadas dixitais, dúas características moi demandadas nos últimos tempos polas usuarias, debido ao crecente interese polos sistemas de pagos móbiles, chamados a popularizarse durante este ano 2016.

Malia ter estas modestas especificacións, o dispositivo vai moi fluído e move con soltura xogos e aplicacións de diversa índole, polo que neste senso non teremos problemas de rendemento.

Sistema operativo

En canto a sistema operativo, vén con Android 5.1 – Lollipop e a típica capa de personalización de LG, que seguindo a tendencia dos últimos tempos cada vez é menos invasiva e máis semellante á versión estándar de Android.

Apenas trae software de LG preinstalado, o que tamén é de agradecer, pero si que inclúe diversas funcionalidades que o fabricante coreano foi introducindo nos seus dispositivos dos últimos tempos, como Quick Memo+ ou o dobre toque para activar a pantalla.

lg zero - 3

Sobre a súa posíbel actualización a próximas versións de Android, como 6.0 Marshmallow, polo de agora non hai novas que confirmen ou desmintan a súa dispoñibilidade futura.

Pantalla

En canto á pantalla, o LG Zero vén cun panel IPS de 5 polgadas, con resollución HD (294 píxeles por polgada). Evidentemente hai pantallas moito mellores, pero a opción elixida resultou ser todo un acerto: vese moi ben tanto en interiores como en exteriores, con cores moi realistas e bos ángulos de visión.

Cámara

No apartado fotográfico, na parte traseira temos un sensor de 13 megapíxeles, mentres que no caso da cámara dianteira dispomos dun de 8 megapíxeles. Nin unha nin outra destaca especialmente por ser unha cámara que nos deixe impresionadas pola súa calidade, senón que seguramente este sexa o aspecto máis feble do dispositivo.

En condicións favorábeis podemos obter uns resultados aceptábeis, mais cando a cousa se complica (escuridade, etc) temos imaxes con algo de ruído e un aspecto menos natural. Na nosa páxina de Flickr podes ver algunhas imaxes tomadas co dispositivo.

Batería

A batería é de 2050 mAh, unha capacidade que nos achega enerxía suficiente para acabar o día sen problemas, pero non perdoa o paso polo cargador durante a noite para termos o dispositivo operativo todo o día seguinte. Non dispón de carga rápida, aínda que debido á súa capacidade os tempos de carga son bastante reducidos.

Conclusións

O LG Zero é un dispositivo con moi bos acabados e materais, que malia contar cun hardware modesto ten un rendemento máis ca notábel. Todo isto, así como a súa vistosa pantalla son os aspectos máis positivos dun trebello que só se ve un pouco deslucido pola calidade das súas cámaras.

Está dispoñíbel en diversas tendas online por uns 180 €.

Deixa un Comentario