Facebook anuncia a creación de Messenger Platform

Hoxe comezou a F8, a conferencia de desenvolvedoras de Facebook, en cuxa keynote inaugural participou o seu fundador, Mark Zuckerberg, para anunciar diversas novidades. Entre elas, unha das máis destacadas é a creación de Messenger Platform, centrada na aplicación de mensaxería Messenger (usada cada mes por máis de 900 millóns de persoas e 50 millóns de empresas para as súas comunicacións), onde a compañía ve moitas posibilidades de futuro.

Messenger Platform (beta). Chegan os bots

Platform está dispoñíbel desde hoxe, e supón tamén a chegada dos bots a Messenger. Os bots son ferramentas que poden ofrecer ás usuarias practicamente calquera contido de suscrición automatizado, como actualizacións do tempo ou tráfico, ou comunicacións máis persoais (recibos, notificacións de envío, mensaxes automatizadas en tempo real), interactuando coa persoa que o emprega.

messenger platform bots

Tamén chega a API Messenger para Enviar / Recibir, que apoiará non só o envío e recepción de mensaxes de texto, senón tamén imaxes e burbullas interactivas que conteñan múltiples chamadas á acción. As desenvolvedoras tamén poderán configurar unha pantalla de benvida para os seus fíos de mensaxes, o que lles permite establecer o contexto, así como diferentes controis.

Desde hoxe todas as desenvolvedoras e empresas terán acceso á documentación para construír os bots de Messenger e envialos para revisión por parte de Facebook, quen aprobará as peticións gradualmente.

Deixa un Comentario