Novo timo coas videochamadas de WhatsApp (pero chegarán en breve)

Os vales de compra do Mercadona, a icona azul para telo de balde de por vida… os timos a través de WhatsApp multiplícanse, e debemos andar atentas para non caer nas trampas que circulan pola rede. O último deles ten que ver coas videochamadas de Whatsapp.

Unha mensaxe que se transmite entre usuarias a través das conversas de WhatsApp informa de que xa se poden activar as videochamadas e, para iso, dirixe á xente cara unha páxina web desde a que, teoricamente, poderán actualizar a app para as disfrutar. Nada máis lonxe da realidade: WhatsApp non ofrece ese servizo, pero o peor é que se caemos na trampa acabaremos suscritos a un servizo de SMS Premium e, por terlle autorizado acceder aos nosos contactos, convidaremos ás nosas amizades a que fagan o mesmo.

Xa temos comentado moitas veces que non debemos caer neste tipo de trampas. Cando unha aplicación reciba melloras chegará á Play Store, desde onde será seguro baixala. Ademais, debemos prestar especial atención para non introducir os nosos datos en calquera sitio e ler ben que permisos autorizamos.

As videochamadas de WhatsApp chegarán en breve

Malia este timo que circula polas redes, as videochamadas de WhatsApp serán unha realidade en cuestión de semanas. Boa mostra diso é que na plataforma de tradución xa se está traballando con cadeas de texto que falan de videochamadas perdidas, videochamada de fulanito, etc.

videochamadas whatsapp

Durante moito tempo as usuarias estivemos pedindo que WhatsApp incluíse as chamadas de voz, aínda que desde que o fixo parece que non son moitas as persoas que as empregan, en certa medida porque as operadoras están a incluír chamadas ilimitadas nas súas tarifas, con maior calidade da que pode ofrecer WhatsApp, dado que esta depende da rede.

Que vos parece esta nova? Usaredes este servizo?

Deixa un Comentario