O Acer Liquid Jade Primo xa se pode mercar no noso país

Acer vén de anunciar a chegada do novo Acer Liquid Jade Primo ao noso país. Trátase dun smartphone que vén equipado con Windows 10 e que conta con soporte para as funcións Continuum, que nos permiten empregar o noso smartphone como se fose un ordenador completo grazas ao uso dun dock ao que se poden conectar unha pantalla e un rato / teclado sen fíos.

Acer Liquid Jade Primo Premium Pack - 1

Se falamos das súas especificacións técnicas, o smartphone leva no seu interior un procesador de seis núcleos, o modelo Qualcomm Snapdragon 808, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD para aumentar esta capacidade. Ben é certo que esta configuración pode resultar básica se pensamos nun computador de sobremesa tradicional, mais para moitas persoas que pouco máis empregan ca os programas ofimáticos e Internet pode resultar máis ca dabondo.

Acer Liquid Jade Primo Premium Pack - 2

A súa pantalla é un panel Full HD AMOLED de 5,5 polgadas, con ángulos de visión de 176 graos. A cámara principal é un sensor de 21 megapíxeles con apertura f/2.2, con flash LED dobre e soporte para gravacións de vídeo en 4K. Pola súa parte, a cámara frontal é un sensor de 8 megapíxeles.

Acer Liquid Jade Primo Premium Pack - 3

 

Para poder disfrutar de toda esta experiencia sobremesa, que para nós é a grande novidade deste dispositivo, debemos facernos co co Acer Display Dock, que é o accesorio que nos permite conectarnos a unha pantalla e asociarlle periféricos, xa que inclúe 3 portos USB (1 x USB 3.0 e 2 x USB 2.0).

Acer Liquid Jade Primo Premium Pack - 4

O Acer Liqueid Jade Primo xa está á venta no noso país, e podémolo atopar en tres configuracións diferentes, dependendo do que nos atopemos no pack de venda.

  • Só smartphone (599 €): inclúe unicamente o Acer Liquid Jade Primo.
  • Business Pack (649 €): ademais do teléfono, inclúe o Acer Display Dock con soporte para Continuum (é a opción que debemos elixir se xa temos unha pantalla na casa).
  • Premium Pack (799 €): ademais do teléfono e o Acer Display Dock con soporte para Continuum, inclúe un monitor Acer Full HD de 21,5 polgadas (modelo KA220HQBid, que integra un ángulo de visión panorámico de 178 graos con tecnoloxías VA e IPS, conectividade VGA, DVI e HDMI), xunto con un rato e teclado sen fíos.

Esta proposta parécenos realmente interesante, e estamos certas de que nun futuro serán moitas as opcións que aposten por este tipo de solucións, e non só pensando en Windows ou Ubuntu, senón tamén noutros sistemas operativos. Pensades en todas as vantaxes que tería ter todo no teléfono e que cada usuario da casa só teña que conectar o seu no dock doméstico para ter a súa configuración?

Sobre o autor

Reply