FreedomPop ofrecerá unha liña móbil básica de balde a partir do verán

Que tal vos soa a idea de ter unha liña de móbil sen ter que pagar céntimo? Ben, non? Pois iso é o que ofrece FreedomPop, unha operadora virtual que en verán chegará ao noso país cunha proposta novidosa e claramente diferenciadora.

A idea de FreedomPop non é nova en moitos países, onde hai operadoras que ofrecen propostas moito máis interesantes que as que temos por estes lares. Así, por exemplo, Google ofrece unha conexión gratuita de 5/1 Mbps na súa rede de fibra, conscientes de que a meirande parte das usuarias optarán polas opcións de 100 ou 1000 Mbps, e a propia FreedomPop ofrece os seus servizos en Estados Unidos e Reino Unido.

A oferta que traerá a operadora a España será semellante á que xa ofrece nos países nos que opera: dispoñer gratuitamente dunha liña con chamadas, mensaxes, datos, roaming en 31 países e, como novidade, uso de WhatsApp sen límites. Por poñer un par de exemplos, no Reino Unido ofertan 200 minutos, 200 mensaxes e 200 megas ao mes, mentres que nos Estados Unidos son 500 minutos, mensaxes e megas de datos. Semella que a Galiza chegarán cunha proposta a medio camiño entre ambas as dúas opcións.

E onde está o negocio?,

Estarédesvolo preguntando. A compañía aplica un modelo que coñecemos como fremium, habitual no mundo das aplicacións, software e videoxogos, e o truco está en que as chamadas de voz son mediante vozIP, e deben cursarse mediante a aplicación que eles ofrecen, dispoñíbel tanto para Android como para iOS. Xa que logo, a compañía saca os seus ingresos daquelas usuarias que fan gasto mediante a compra de minutos ou megas extra.

freedompop - 2

Noutros mercados calculan que o 50% das usuarias mercan estes servizos adicionais e que isto xa lles compensa. Sexa como fór, os cálculos que manexan son chegar aos 100.000 clientes en todo o territorio español antes de final de ano e ao millón nos primeiros dous anos de vida.

O que si que terán garantidos son os 5 euros que cobrarán por facerse cunha tarxeta SIM, que seguramente moitas mercarán aínda que non lle saquen renedemento. Que vos parece?

Máis info: FreedomPop

Deixa un Comentario