Analizamos o Samsung Galaxy S7

Hoxe traémosvos a nosa análise do Samsung Galaxy S7, un dos terminais máis destacados de todo o que veremos ao longo do 2016. Trátase dunha aposta contituísta coa liña iniciada co Galaxy S6, iso si, corrixindo algúns pequenos flecos que efectivamente era preciso mellorar para ter un terminal moito máis redondo, metaforicamente falando.

O Galaxy S7 está dispoñíbel en dúas versións, unha con pantalla de 5,1 polgadas e outra, o Galaxy S7 Edge, que sube até as 5,5, sendo ademais curvas cara ambos lados. Hoxe ímosvos falar da versión estándar.

Deseño, acabado e conexións

Como comentabamos, o S7 ten unha liña de deseño continuísta, algo que tamén se manifesta nos materiais, onde hai unha clara aposta polo aluminio nos marcos laterais e o cristal, presente tanto na pantalla frontal como no recubrimento da parte posterior do dispositivo. Iso si, vén coa protección que lle garante Gorilla Glass 4, facendo que sexa moito máis robusto. Tamén hai que destacar a curvatura o cristal na parte traseira, un acabado 3D que facilita o agarre e tamén aporta beleza ao dispositivo.

samsung galaxy s7 - 1

Na parte frontal do dispositivo atopámonos os sensores de luz, a cámara frontal e o altofalante na parte superior, mentres que na parte inferior temos o botón de inicio, que tamén fai ás veces de lector de pegadas dixitais; aos lados deste, os botóns capacitivos da multitarefa e atrás. Na parte traseira descubrimos un dos maiores cambios no deseño, concretamente na súa cámara, que deixa de sobresaír como o facía no S6 (sobrease 0,46 mm, catro veces menos ca na versión anterior).

Pasando a falar do marco que bordea todo o dispositivo, no lateral esquerdo temos os controis de volume e no dereito o botón de acendido. Na parte superior está a bandexa extraíbel na que podemos poñer dúas tarxetas nanoSIM ou unha nanoSIM e unha tarxeta microSD para ampliar a capacidade da memoria interna. Na parte inferior temos os conectores jack 3.5 de audio e microUSB, así como o altofalante principal.

samsung galaxy s7 - 5

O Galaxy S7 vén con certificación IP68, o que garante que é resistente ao pó e a auga (pequenos somerxementos ou baixo a choiva) sen ter que tomar precaucións

Hardware e rendemento

O Galaxy S7 é todo potencia. Hai unha versión co procesador Qualcomm Snapdragon 820, pero a que se comercializa no noso país é o modelo Exynos 8890. Trátase dun chipset fabricado por Samsung de oito núcleos, catro que funcionan a 2,3 GHz e outros catro que o fan a 1,6 GHz. Están acompañados de 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 200 GB. Cabe sinalar que a memoria interna deste dispositivo é das máis rápidas que se viron até o de agora, que non todo vai ser capacidade. Con este hardware o dispositivo pode con todo o que lle boten e máis, e durante as nosas probas non flaqueou en ningún momento.

samsung galaxy s7 - 2

Incorpora todo tipo de sensores, destacando sobre os habituais (acelerómetro, proximidade, xiroscopio) o barómetro, para mellorar a precisión, e o sensor de ritmo cardíaco. Ademais conta con 4G – LTE Cat 9 (até 450 Mbps en descarga e 75 Mbps en suba).

Sistema operativo

Vén de fábrica con Android 6.0.1 Marshmallow, a última versión de Android, e por suposto TouchWiz, a capa de personalización de Samsung. Entre as novidades deste ano está a opción de dispór de caixón de aplicacións ou telas tolas organizadas en pantallas e cartafois, unha opción que até o de agora só era habitual en dispositivos chineses tipo Huawei, pero que parece ser tendencia este ano, dado que o LG G5 tamén vai na mesma liña.

Pantalla

A pantalla do Samsung Galaxy S7 é un panel superAMOLED de 5,1 polgadas, con resolución QHD (2560 x 1440 píxeles), o que dá unha densidade de 577 píxeles por polgada. Sen lugar a dúbidas este segue sendo un dos maiores elementos diferenciadores de Samsung: ten unha calidade boísima, con cores vivas e realistas e un brillo que nos permite traballar co móbil sen problemas malia ter incidencia directa do sol.

A principal novidade na pantalla é que incorpora a tecnoloxía Always On. Trátase dunha funcionalidade que, de tela activada, mantén sempre unha parte da pantalla acesa para amosar algunha información, que principalmente se reduce a un reloxo con notificacións de chamadas, SMS e porcentaxe de batería, un calendario ou unha imaxe estática. É certo que ter isto activo afecta á batería, aínda que realmente non é unha perda demasiado relevante.

Cámara

A cámara, xunto á pantalla, é outro dos puntos fortes do novo Samsung Galaxy S7. A gran sorpresa déronnola cando nos contaron que baixaban dos 16 aos 12 megapíxeles, pero como xa temos comentando ducias de veces no blog menos megapíxeles non implica peor calidade. O novo sensor de cámara, fabricado por Sony, ten unha apertura de f/1.7 e tecnoloxía dual pixel, que até o de agora só estaba dispoñíbel en cámaras reflex.

samsung galaxy s7 - 3

Chama especialmente a atención a velocidade de enfoque e o ben que funciona en entornos nocturnos: as fotos con pouca luz no Galaxy S7 son as mellores que vimos nunca nun dispositivo, e sen ter que pasarse aos controis manuais.

No caso da cámara frontal, temos un sensor de 5 megapíxeles, tamén con apertura de f/1.7. Os resultados son moi bos, pero a diferenza do que ocorre coa cámara traseira, a cámara frontal non resulta tan novidosa.

Na nosa páxina de Flickr podedes ver unha selección de imaxes tomadas con este dispositivo.

Batería

Unha das eivas dos Galaxy S6 e Galaxy S6 Edge foi a batería. Samsung respondeu ben ás demandas das usuarias, subindo a súa capacidade dos 2550 mAh que tiña o Galaxy S6 aos 3000 mAh que incorpora o Samsung Galaxy S7. Non é intercambiábel, e segundo comentou a propia Samsung trátase dunha batería moldeábel, capaz de adaptarse ao novo espazo que se lle reservou no interior do dispositivo.

Incorpora sistema de carga rápida que permite cargar o 100% da batería en 90 minutos, aínda que tamén unha boa cantidade dela en apenas 10 minutos. Sen facer milagres,o Galaxy S7 aguanta todo o día, chegando á noite co 10 ou 15% de carga dispoñíbel para un uso intensivo.

Conclusións

O Samsung Galaxy S7 ten un prezo oficial de 719 €, pero en algunhas tendas, como Amazon, pódese mercar por 649 €. Por ese prezo teremos un dispositivo que combina un deseño coidado e bos acabados, rendemento, calidade de pantalla e unha cámara espectacular. Pensamos que este ano vano ter moi difícil o resto de fabricantes para igualar ou superar un dispositivo coma este, polo que representa no seu conxunto.

No Responses

Deixa un Comentario