Lector de pegadas dixitais en pantalla, a última patente de LG

A meirande parte dos terminais que se levan posto á venda nos últimos meses – todos se falamos das gamas altas – incorporan un lector de pegadas dixitais. Trátase sen lugar a dúbidas do sistema máis avanzado de seguridade, dado que a identificación única asegúranos que ninguén máis ca nós pode empregar o noso móbil sen o noso permiso. Isto ten vital importancia nun momento como o que estamos a vivir, dado o alto volume de datos e a información sensíbel que levamos nos nosos dispositivos, especialmente cando están a popularizarse os sistemas de pagamento co noso smartphone.

As ubicacións escollidas polos fabricantes para situar estes lectores de pegadas dixitais son moi variadas. Hai quen emprega un botón ou sensor central na parte dianteira, pensando en empregármonos o polgar, quen elixe unha ubicación próxima á cámara, para usar o dedo índice, e mesmo quen se decidiu por un botón lateral. Porén, LG vén de darlle unha nova volta de roda na súa última patente e xa pensa nun lugar menos habitual: a pantalla.

A patente rexistrada por LG Innotek, a subcompañía de LG adicada á innovación, sitúa estes sensores baixo a pantalla dos nosos smartphones, o que fai desaparecer botóns físicos do dispositivo e tamén permite que simplemente teñamos que situar o dedo sobre o panel para desbloquear o dispositivo ou autorizar accesos, por exemplo, a pagos móbiles.

Esta nova ubicación ten varias vantaxes, quizais a máis destacada que fica protexido de calquera agresión externa, polo que os fabricantes teñen que preocuparse dunha cousa menos nese sentido. Porén, e por buscarlle algún “pero”, a súa instalación non implica que poidamos situar o dedo en calquera parte da pantalla para facer uso desta funcionalidade, xa que unicamente será empregábel naquel lugar onde se sitúe o sensor, ubicación que as usuarias debemos coñecer.

Que vos parece esta novidade?

Sobre o autor

No Responses

Reply