Android TV, domótica e máis wificlientesR, as novidades de R para este ano

A semana pasada estivemos nas instalacións de R coñecendo algunhas das novidades nas que están a traballar este ano na operadora galega. En concreto, a xuntanza centrouse en tres proxectos, algúns xa coñecidos, como wificlientesR e outros novidosos, como todo o quen que ver coa Internet das Cousas (ControlR) e o novo decodificador para a televisión.

ControlR: a Internet das Cousas chega a R

A primeira gran novidade é a chegada da Internet das Cousas (IoT) a R. Como sabedes e temos comentado no blog, camiñamos cara un mundo no que practicamente todos os obxectos estarán dun ou de outro xeito conectados á rede. R non quere perder ese tren e está a traballar nun ambicioso proxecto que nas próximas semanas será unha realidade comercial: ControlR (nome do proxecto, pode ser diferente cando se comercialice).

ControlR é unha plataforma (web e aplicación) que nos permite controlar todo tipo de sensores na nosa casa, configurando accións dependentes de que aconteza (ou non) algunha circunstancia. Por poñer un exemplo, podemos programar unha notificación no móbil se non se abre unha porta nun tramo horario ou programar o acendido das luces nunha determinada zona da casa se se dan certas circunstancias.

As posibilidades desta ferramenta son incontábeis, tanto polo número e diversidade de sensores (termostatos, cámaras, sensores de presenza, de apertura de portas, de control de gasto eléctrico, de apertura de portas…) como polas ideas de uso que poida precisar calquera usuaria.

Esta é unha das novidades inminentes de R, e a falta de coñecer a proposta comercial final podemos adiantar que vai ser bastante agresiva. Ademais, non é o único campo da IoT no que R está a traballar, posto que tamén están a estudar solucións para vehículos conectados e outras vencelladas coa saúde.

Android TV e 4K: novo decodificador de televisión

A segunda gran novidade é o novo decodificador de televisión, que sufre un cambio de deseño radical e baixa de peso. Pero o mellor de todo é que supón un gran salto cualitativo, tanto pola introdución da calidade 4K como polo cambio da plataforma a Android TV.

Sobre o 4K pouco hai que dicir, máis que nada porque non existen demasiados contidos nesta calidade, así que máis ben a idea de R é estar preparadas para cando chegue. Porén, o cambio a Android TV semella moito máis interesante, xa que aunará todo o bo da televisión R – cos seus servizos como Rebobina – e todo o bo de Android TV, coas aplicacións e opcións extra da tele de Google.

Máis e mellor wificlientesR

Finalmente temos que falar de wificlientesR. A rede WiFi gratuíta para clientes de R está a ser todo un éxito e move máis de 3 TB de datos cada día. Mais como sabedes, o obxectivo de R é que esta rede siga medrando a través dos puntos profesionais –  que permiten até 100 conexións a 100 metros e de 100 megas – en lugares públicos como as prazas, así como tamén en establecementos que queiran mellorar a experiencia da súa clientela.

Todo isto chegará axiña, pero a maiores tamén se está a estudar a posibilidade de chegar a acordos con outras empresas para levar wificlientesR máis aló de Galiza. Por unha banda estaría Euskadi, a través de Euskaltel, mais non se desbota que tamén se poida empregar noutros lugares do estado e Portugal.

Dispoñibilidade

Como comentabamos ao comezo, as novidades nestes servizos irán chegando nas próximas semanas. Desde R desbotan facer pública unha previsión de datas, máis o que ten a ver con ControlR ten todas as papeletas para ser o primeiro gran golpe na mesa que a compañía dá este ano.

Que vos parecen a vós? Botades de menos algunha novidade?

Deixa un Comentario