A actualización a Windows 10 deixará de ser gratuíta logo do 29 de xullo

Cando Microsoft lanzou Windows 10, anunciando que a actualización sería totalmente gratuíta para as usuarias de Windows 7 e Windows 8 / 8.1, sorprendeunos a moitas polo inusual da proposta. Pero obviamente había unha intención clara, a rápida adopción da nova versión do sistema operativo, e semella que é algo xa conseguido: a día de hoxe Windows 10 xa está instalado en máis de 300 millóns de dispositivos en todo o mundo, e iso que aínda non se cumpriu o ano desde o seu lanzamento.

En paralelo, durante todo este tempo Microsoft tamén conseguiu facer medrar o número de usuarias que a diario confían nas solucións que lles ofrecen, como o navegador Microsoft Edge, o asistente Cortana e a Tenda de Windows na que se poden atopar centos de aplicacións e xogos.

Porén, aquelas persoas que sendo usuarias de Windows 7 ou Windows 8 / 8.1 aínda non teñan actualizado a Windows 10 deben saber que unicamente poderán facelo de balde antes do 29 de xullo, polo que recomendamos que se faga o antes posíbel para non peder a oportunidade e ter o computador actualizado e ao día en cuestións como a seguridade. En caso de non facelo antes desa data, haberá que pagar preto de 200 euros.

No seguinte vídeo podedes ver algunhas das razóns que apuntan desde Microsoft para proceder a esta actualización.

Deixa un Comentario