O Huawei P9 Lite chega ao noso país por 329 €

Huawei vén de anunciar o lanzamento no noso país do Huawei P9 Lite, inspirado no novo Huawei P9 e digno sucesor do exitoso Huawei P8 Lite, xa que incorpora un mellor procesador, máis memoria e unha batería superior.

O Huawei P9 Lite conta cunha pantalla de 5,2 polgada con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles) e unha ampla gama de cores que aporta unha maior definición da imaxe.  No seu interior integra o novo procesador Kirin 650 Octa Core de 64 bits, que proporciona unha conectividade 4G de até 150 Mbps de descarga.

Na cámara principal o fabricante apostou por unha SONY IMX214 de 13 megapíxeles e sensor CMOS, cunha apertura de f/2.0. Ademais dispón dunha modalidade profesional que dá ás usuarias a posibilidade de personalizar o balance de brancos, ISO, EV e unha serie de funcións deseñadas para mellorar a imaxe. No caso da cámara frontal temos un sensor de 8 megapíxeles, tamén con f/2.0 e gran angular de 27 mm.

A súa batería é de 3000 mAh de capacidade e na parte traseira leva un lector de pegadas dixitais, un elemento que xa se está a convertir en imprecindíbel para o desenrolo do día a día.

Na súa liña de deseño aposta por un bisel metálico e tan só 7,5 mm de grosor e un peso de 147 gramos, facilitando o uso do dispositivo cunha soa man. Estará dispoñíbel durante este mes a través das canles de distribución habituais por 329 € e nos principais operadores de telefonía móbil desde comezos de xuño.

Deixa un Comentario