Analizamos o InnJoo Two

Hai uns meses analizamos o InnJoo One, o dispositivo co que se deu a coñecer o fabricante InnJoo no noso país, cuxo sucesor coñecemos durante o Mobile World Congress 2016. Estamos a falar deo InnJoo Two, o dispositivo do que hoxe queremos falarvos.

Deseño, acabado e conexións

Malia que esperabamos unha liña continuísta co modelo de gama alta anterior da compañía, o One, o certo é que o fabricante decidiu sorprender e ofrecer un trebello diferente, apostando por unhas liñas máis curvadas na parte traseira, o que permite un agarre do dispositivo moito máis cómodo.

innjoo two - 4

Os botóns concéntranse na parte lateral esquerda  do dispositivo, mentres que na parte dereita temos unha bandexa extraíbel na que podemos introducir as tarxetas SIM (admite dúas) ou unha SIM e unha tarxeta microSD. No borde superior sitúase o conector de audio jack 3.5 e na inferior o microUSB e o altofalante principal. Na parte traseira destaca a presenza do sensor de pegadas dixitais na parte central do dispositivo e a cámara co seu flash LED, na esquina superior esquerda.

En canto a materiais e acabados, o InnJoo Two aposta por unha combinación de plástico, material que emprega na parte traseira do dispositivo, e o metal, usado en todos os bordes laterais. Ten unhas dimensións de 143.5 x 69.4 x 7.99 mm e un peso de 134 gramos.

Hardware e rendemento

O trebello vén cun procesador de oito núcloes de MediaTek, o modelo MKT6592M, acompañado por 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interno, que poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 128 GB.

Existe unha versión con conectividade unicamente 3G, mais pola pouca diferenza que supón elixir o modelo 4G case resulta anecdótica. Ademais dispón da típica conectividade WiFi e Bluetooth 4.0.

innjoo two - 2

O lector de pegadas dixitais, unha das grandes novidades deste modelo, está situado na parte traseira. Resulta especialmente cómodo para empregar cos dedos índices. Funciona bastante ben, aínda que a diferenza de outros trebellos nos que temos empregado esta funcionalidade, nalgunhas ocasións costoulle un pouco a identificación.

Pantalla

A súa pantalla é de 5 polgadas e ten resolución HD (1280 x 720 píxeles). A visualización é bastante boa, con cores nítidas que realzan as formas dos obxectos, mais peca de non vir acompañada dun sensor de luminosidade que permita o axuste automático do brillo.

Independentemente desta cuestión, o dispositivo pódese empregar en entornos lumisosos, como os exteriores, sen problemas de visualización.

Sistema operativo

En canto a software, o fabricante optou por Android 5.1 Lollipop, que seguramente sexa actualizado nalgún momento a Marshmallow, aínda que polo de agora non hai información a este respecto. Está aderezado cunha capa de personalización moi similar á que vimos cando analizamos o Innjoo One.

Esta capa permite organizar as aplicacións en cartafoles que podemos ir vendo conforme nos movemos horizontalmente, como se foran diferentes caixóns de aplicacións por temáticas. Ademais dispón dunha tenda de apps propia na que tamén se inclúen temas que permiten mudar a estética do sistema de maneira rápida.

Trae algunha que outra aplicación propia instalada, algunha das cales non pode ser deshabilitada ou desinstalada.

Cámara

O equipo vén equipado con dúas cámaras, ambas as dúas de 13 megapíxeles e, tamén, ambas co seu flash LED. Sorprendéronnos gratamente pola velocidade de enfoque e a calidade das imaxes, como poderedes ver nas mostras de xemplo.

innjoo two - 3

Así mesmo, cómpre destacar que tamén se pode empregar o sensor de pegadas dixitais para tirar as fotos, de maneira que poidamos ter as funcionalidades completas do seu flash LED.

No noso perfil de Flickr podedes acceder a unha completa galería de imaxes tomadas co Innjoo Two.

Batería

A batería é de 3.200 mAh, unha capacidade que ligada ao resto de especificacións (calidade da pantalla, procesador…) fai que o dispositivo teña unha autonomía de día e medio para un uso normal, que pode ampliarse aos dous días no caso de que teñamos un día de pouco axetreo. Non dispón de carga rápida nin de sistema de carga sen fíos.

Conclusións

Se o InnJoo One xa nos deixara boas impresións, o InnJoo Two mellóraas. Trátase dun dispositivo coas especificacións moi ben compensadas e un deseño atractivo, que rinde moi ben no día a día. Certamente podería mellorar algúns aspectos como a calidade da pantalla ou a velocidade do lector de pegadas dixitais. Porén, a velocidade coa que é capaz de mover todas as aplicacións, a calidade da súa cámara e as súas prestacións fan que sexa un trebello moi interesante.

Pódese mercar na tenda en liña de InnJoo por 199 € (versión 3G) ou 229 € (versión 4G), uns prezos moi interesantes para un terminal que os vale.

Sobre o autor

Reply