Poderemos engadir contactos ao WhatsApp sen precisar o número de teléfono

Segundo apuntan varias informacións semella que WhatsApp vai adoptar unha nova fórmula para engadir contactos sen precisar o número de teléfono. Esta funcionalidade, que xa integran outros servizos como Facebook Messenger ou Snapchat, será a do escaneo dun código QR.

Como sabedes, engadir un contacto novo ao WhatsApp é hoxe en día un tanto engorroso, xa que o primeiro que temos que facer é crear un novo contacto na axenda do noso teléfono e agardar (ou forzar) a que WhatsApp detecte este novo contacto para poder comezar a conversa. Con este novo método do código QR, unha vez escaneado, o contacto aparecerá directamente na aplicación de mensaxería.

whatsapp contactos QR

O que aínda non fica claro é se nese código xa vai incorporado tamén o número de teléfono, de maneira que ese contacto podería incluírse directamente na nosa axenda, ou se polo contrario sería un método para engadir unicamente ese novo perfil á nosa conta de WhatsApp.

Polo de agora non hai moita máis información, pois esta nova opción apareceu na páxina de traducións de WhatsApp, o que unicamente implica que están traballando para incorporala ao sistema operativo móbil iOS, aínda que de levarse a cabo estamos certas de que tamén chegará a Android.

Deixa un Comentario