Euskaltel non cobrará o roaming nas chamadas entrantes en Europa

Hai apenas un par de semanas entraron en vigor as rebaixas no roaming europeo, introducindo o modelo de sobrecustos, polo cal as usuarias pagaremos a tarifa habitual local e un sobrecusto por MB, SMS ou minuto en chamadas saíntes, así como 1,38 céntimos por minuto de chamada recibida.

Porén, os grandes operadores dispoñen, ademais desta tarificación regulada, de outras opcións que poden beneficiar ás usuarias. O caso máis extremo é o de Vodafone, quen eliminou por completo o roaming ás usuarias de contrato, tanto en Europa como nos Estados Unidos, pero tamén hai outras apostas interesantes, como Orange co seu plan Go Europa (100 MB / 1 €/ día de uso).

euskaltel_roaming

As operadoras virtuais adoitan quedar fóra destas promocións, pois non lles adoita compensar o tema ao ter dependencia da rede doutro operador e non dispór de infraestrutura internacional. Porén, Euskaltel vén de rachar cos moldes decidíndose a eliminar o sobrecusto de recibir chamadas estando en roaming europeo. A rebaixa non é excesivamente alta, dado que na actualidade o sobrecusto de chamada recibida é de 1,38 céntimos por minuto, pero en calquera caso é  toda unha declaración de intencións.

A pregunta que nos facemos agora é obvia: seguirá o mesmo camiño R, compañía que agora pertence á cableira vasca Euskaltel? De seguro que moitas galegas o agradeceríamos, sobre todo aquelas que viven máis pegadas á raia.

Máis info

Deixa un Comentario