Honor V8, así é o novo flagship da marca alternativa de Huawei

Tal e como estaba previsto Honor, a marca alternativa de Huawei, presentou esta semana o seu novo dispositivo, o Honor V8, un trebello que nun primeiro momento está orientado ao mercado asiático, mais que seguramente veremos no noso país como Honor 8, previsto para finais de verán.

O novo Honor V8 estará dispoñíbel en dous modelos, atendendo á calidade da súa pantalla e á capacidade da súa memoria interna. Por unha banda temos unha versión cun panel de 5,7 polgadas FullHD e pola outra unha opción con pantalla curvada 2,5D de 5,7 polgadas e resolución QuadHD.

honor v8 - 2

No interior do dispositivo atopámonos cun procesador fabricado por Huawei, o modelo Kirin 950 de oito núcleos, que está acompañado de 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, segundo versións. A súa cámara principal destaca por dispór de dobre lente de 12 megapíxeles.

Vén con Android 6.0 Marshmallow como sistema operativo, aínda que coa interface EMUI 4.1, e unha batería de 3500 mAh con sistema de carga rápida. Ademais dispón de sensor de pegadas dixitais, LTE, NFC, USB Tipo C e dual SIM.

honor v8 - 3

En canto a dispoñibilidade e prezos sabemos que chegará neste mesmo mes á China en varias cores (branco, prateado, dourado e gris) por uns 340 euros (FullHD e 32 GB) ou  380 euros (Quad HD e 64 GB).

Deixa un Comentario